Tres días de actividade volverá a ter o festival de cine John Balan Fest - Filmes Atlánticos e Novos Medios, que se celebrará en Marín os días 29, 30 e 31 de agosto.
Na súa segunda edición, segundo anunciaron os seus organizadores, o festival centrarase en filmes e series dos países lusófonos "co obxectivo de ampliar o número de proxeccións de traballos en lingua portuguesa" en Galicia.
Subliñan que este tipo de producións audiovisuais "perfectamente poden ser entendidas nunha sala de cine galega sen necesidade de recorrer ao subtitulado" e contribúen a fortalecer os lazos culturais que unen a estas dous comunidades creativas.
A convocatoria para a inscrición de obras está aberta ata o 31 de maio, aínda que haberá outro prazo ampliado ata xullo para aquelas que non cheguen a tempo.
"Desde a organización estamos moi ilusionados porque desde o primeiro momento a convocatoria volveu ter unha boa resposta de participación", destaca Dani Antelo, que agarda ofrecer unha programación "moi heteroxénea para todos os gustos e públicos".
En canto ao xurado do John Balan Fest, volverá estar formado por referentes culturais locais como a xestora cultural Paula Cabaleiro ou a escritora afincada en Marín, Lola Fernández Pazos.