A segunda edición de "Descúbreas" transforma o Pazo Provincial nunha sala de concertos

Pontevedra
23 de abril 2022

Cinco das mozas da I edición actuaron con alumnas e docentes das escolas de música nun recital conducido por Woyza que rematou coa emocionante interpretación de "Imagine"

Concerto de Descúbreas no Pazo Provincial
Concerto de Descúbreas no Pazo Provincial / Deputación de Pontevedra

O salón de plenos do Pazo Provincial transformouse este venres nunha espectacular sala de concertos e no mellor escenario para presentar a II edición de "Descúbreas", o programa da Deputación, impulsado por Regalamúsica, para amosar o talento feminino musical da provincia e as redes de mozas que xa se están a tecer entre as protagonistas. 

Un talento que tivo rostro, voz e son a través das potentes actuacións de Eva, Sara, Law, Sinner e Xía, cinco das oito rapazas que xa teñen iniciado a súa carreira musical tras participar na primeira edición. 

Elas, xunto a profesoras e alumnas de escolas de música, foron as protagonistas deste concerto exclusivo presentado por Woyza co que arranca a segunda edición que ten como obxectivos visibilizar e axudar ás mozas que queren dar os seus primeiros pasos profesionais. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva subliñou o feito de que o catálogo de mulleres artistas creado a través de "Descúbreas" xa ten posibilitado a contratación de moitas delas para actuacións e destacou que, a pesar de levar só un ano, "este programa ten conseguido todos os seus obxectivos". 

Nesta gala única, as cinco protagonistas prepararon as adaptación das cancións que gravaron e publicaron o pasado ano en todas as plataformas dixitais. Elas non só actuaron acompañando ás mozas mentorizadas, senón que tamén protagonizaron a emocionante interpretación conxunta do tema "Imagine", de John Lennon. 

Amais, ao longo da gala visionáronse tamén varios audiovisuais, entre eles o resumo da I edición, así como outro que dá voz ás alumnas de escolas de música e un vídeo das mellores cancións feministas feitas por artistas galegas.

O concerto supón o pistoletazo de saída desta edición de "Descúbreas", que xa ten marcha o programa de titorización, que permitirá a 8 mozas ter acceso a un itinerario individualizado, así como á gravación dunha canción propia en estudio e á gravación e realización dun vídeo musical. Entre as mentoras estará este ano Salomé Limón, gañadora de cinco Latin Grammy amais de presidenta de PIAudio (Asociación Iberoamericana de Produtoras e Enxeñeiras de Audio). 

Únese a Raquel Seijo, de Sweet Nocturna e presidenta de Festivais de Galicia; Patricia Hermida, de Dotbeat e copresidenta do International Music Managers Forum (IMMF) e Wöyza. 

Amais do proxecto de mentoring, o programa aporta outras ferramentas para a visibilización dispoñibles na súa páxina web, como o directorio de profesionais e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas ou os videotutoriais e o foro para resolver dúbidas e axudar ás mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical.

A plataforma ofrece tamén información e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

Entre as novidades deste ano, atópase o fortalecemento dos vínculos con entidades que traballan na mesma liña e a colaboración en rede. Entre estas actuacións, xa o ano pasado, "Descúbreas" sumouse ao compromiso do proxecto europeo KeyChange, participou na Feira Internacional de Música BIME e participou recentemente no Encontro de Escolas ou no Vira Fest de Portugal.