A Sala X de Belas Artes acolle a mostra surrealista 'Al cantar brilla'

Pontevedra
06 de marzo 2021

A Sala X, na Facultade de Belas Artes, acollerá desde este venres ata o 27 de abril a mostra 'Al cantar brilla'. Trátase dunha exposición con obras que proxectan un imaxinario íntimo, marcado pola subxectividade e a introspección, pero tamén polo surrealismo, e que a pesares diso presentan coincidencias e conexións

Presentación da exposición "Al cantar brilla"
Presentación da exposición "Al cantar brilla" / Universidade de Vigo

A Sala X, na Facultade de Belas Artes, acollerá desde este venres ata o 27 de abril a mostra 'Al cantar brilla'. Trátase dunha exposición con obras que proxectan un imaxinario íntimo, marcado pola subxectividade e a introspección, pero tamén polo surrealismo, e que a pesares diso presentan coincidencias e conexións.

Nela reunénse os traballos pictóricos e escultóricos de Tere Pece, Borja Guerrero, Aram Ríos e Andrea Rosob. Está coordinada pola artista e egresada Tere Pece, que presenta diferentes pezas cerámicas e unha instalación na que o escultórico se combina cunha serie de espellos xa que "as persoas non vemos igual a realidade e os espellos reflicten un pouco como se cruzan as perspectivas duns e doutros".

"É unha exposición de surrealismos, non centrada no que serían os discursos máis contemporáneos, senón no propio individuo e na reflexión que cada persoa ten arredor da arte", salientou a coordinadora da Sala X, Chelo Matesanz, na apertura dunha mostra.

Matesanz, tamén apuntou que a mostra reúne "pezas moi íntimas", pero que á súa vez establecen "moitas conexións", a pesares de nacer dos imaxinarios persoais de cada artista. 

Pola súa banda, Pece sinalou que o punto de partida da mostra é "a visión particular de cada un, xa que todos vemos de forma diferente as múltiples realidades", de forma que as diferentes obras permiten á súa vez conectar o espectador coa "personalidade do autor". 

Durante o acto, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, incidiu en que tanto desde a Vicerreitoría como desde a facultade atópanse actualmente traballando para "darlle máis pulo e visibilidade a esta sala".

Nese senso, Soto salientou que o obxectivo "é que esta sala adquira en Pontevedra a entidade que queremos darlle", e que se converta nun espazo "non só da facultade e do campus, senón tamén da cidade".