A Sala Castelao do Museo xa conta cunha guía didáctica, elaborada polo alumnado de Galego da Escola de Idiomas

Pontevedra
25 de novembro 2019

O estudantado, dirixido por Carlos Yus, creou esta guía impresa, que tamén conta con formato online que se pode consultar a través de https://guiacastelao.home.blog/a>

Debuxo da Guía da Sala Castelao do Museo de Pontevedra
Debuxo da Guía da Sala Castelao do Museo de Pontevedra

Xa se atopa impresa a Guía da Sala Castelao do Museo de Pontevedra, unha publicación que elaborou o alumnado de Galego da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra. Este traballo permite, a través de 16 capítulos ordenados, cubrir un oco existente ata o dagora para observar con datos as obras da sala do artista e intelectual máis relevante de Galicia. 

Ademais tamén está dispoñible a través da Rede nunha páxina web e nunha aplicación para que as persoas que visitan a exposición poidan consultar in situ a través dos dispositivos móbiles datos sobre a figura de Alfonso R. Castelao e sobre os seus traballos artísticos e literarios. A ligazón para a súa consulta é https://guiacastelao.home.blog/

Esta publicación agroma dun traballo colectivo relacionado coa lingua e a cultura galega que se desenvolveu no departamento de Galego na EOI, que xestiona Carlos Yus. Unha vez documentado e analizado o material co visto bo de especialistas en Castelao, decidiron que se plasmase nunha ferramenta para divulgar de maneira didáctica elementos relacionados cos escritos, obxectos e pinturas do autor de Rianxo. 

Na presentación da guía realizábase unha performance interpretada pola Aula de Teatro Municipal Xuvenil de Pontevedra, que dirixe Migallas Teatro.