A Roda dálle outra volta ao ambiente festivo

Pontevedra
19 de agosto 2014

Pontevedra parece que se resiste a deixar atrás o frenesí festivo que cada agosto chega da man das Festas da Peregrina. O 12 de agosto a ameaza de chuvia obrigou a suspender dúas das actividades previstas na programación: o espectáculo infantil de Tropa de Trapo e o concerto da Roda. Este luns 18 retomáronse e os pontevedreses responderon ao igual que hai feito nos últimos dez días, con asistencia masiva 

Concerto da Roda
Concerto da Roda / PontevedraViva

Pontevedra parece que se resiste a deixar atrás o frenesí festivo que cada agosto chega da man das Festas da Peregrina. O martes 12 de agosto a ameaza de chuvia obrigou a suspender dúas das actividades previstas na programación: o espectáculo infantil de Tropa de Trapo e o concerto da Roda. Este luns 18 retomáronse e, a pesar de que xa pasou a Semana Grande da cidade, os pontevedreses responderon ao igual que hai feito nos últimos dez días, con asistencia masiva ás actividades.

A Roda non puido actuar coa Banda de Música de Pontevedra como estaba previsto porque, ao cambiar a data da actuación, xa tiña un compromiso previo. Malia todo, tanto o grupo coma o público recordaron os ausentes e dedicáronlle unha ovación e pasaron a ofrecerlle a mellor homenaxe posible: os temas da Roda.

Para empezar, elixiron un texto do seu último disco, Outra volta de Roda, que se deu a coñecer por redactalo o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero: "Cando A Roda canta, A Roda non actúa: cantan por eles, cantan para eles, cantan porque necesitan nas súas vidas o compango da canción popular".

A esta auténtica declaración de intencións seguiulle un concerto marcado polo bo tempo e a música popular e tradicional galega, se ben non estivo tan concorrido como nas anteriores citas da Roda con Pontevedra, tal e como eles mesmos destacaron. 'O andar miudiño', 'Pra os amigos' ou 'Pousa, pousa' animaron a tarde na praza da Ferrería.