A revolución, eixo central da vindeira edición do Salón do Libro no seu vixésimo aniversario

Pontevedra
05 de setembro 2018

Abriuse xa o prazo para participar no segundo premio internacional de Ilustración, convocado con motivo desta cita literaria. A lusofonía será tamén protagonista desta edición que se celebrará entre o 22 de marzo e o 12 de abril de 2019 no Pazo da Cultura

Xosé Antonio Perozo, presidente do OEPLI, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura
Xosé Antonio Perozo, presidente do OEPLI, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura / Paula Sanmartín

O vixésimo aniversario do Salón do Libro Infantil e Xuvenil xa conta con datas de celebración e con temática. A revolución será a gran protagonista entre o 22 de marzo e o 12 de abril das actividades previstas no Pazo da Cultura con motivo desta efeméride. 

Este mércores, a concelleira de Cultura Carmen Fouces, acompañada polo presidente de OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) Xosé Antonio Perozo, adiantaban algúns detalles desta cita literaria pontevedresa, que segundo afirmaban converteuse nunha referencia internacional.

Fouces cualificou a revolución como un "temazo" ao estar aberto a numerosas interpretacións en relación coa literatura como elemento belixerante e combativo. "Un libro pode revolucionar o mundo ou unha vida", apuntou a responsable de Cultura.

Precisamente, nesta próxima edición a literatura lusófona terá unha especial atención e, segundo avanzaba Carmen Fouces, xa se estableceron contactos co Instituto Camões e con autores de Portugal, Brasil, Angola ou Cabo Verde coa intención de que participen no Salón que se celebrará en 2019. A concelleira sinalou que esta decisión tamén serve para dar un pulo importante ao idioma galego que "procura accións como esta para poñer enriba da mesa o luxo do idioma que temos". 

II PREMIO DE ILUSTRACIÓN DO CARTEL DO SALÓN DO LIBRO

No marco desta edición está convocado o segundo premio internacional de Ilustración. O prazo para presentar traballos atópase aberto desde este mércores ata o 10 de outubro. A persoa gañadora recibirá 3.000 euros, unha dotación que asume integramente o Concello de Pontevedra. As bases xa se atopan publicadas.

A concelleira indicou que nesta edición do Salón do Libro farase un esforzo económico con motivo do 20 aniversario pero destacou que o realmente importante é a implicación de escolas, familias, editoriais e de toda unha rede de persoas que logran o éxito cada ano do Salón do Libro, que segundo Perozo, é o único "realmente internacional" no Estado superando aos organizados en Barcelona ou en Madrid.

A edición de 2018 contou cun orzamento de ao redor de 200.000 euros e máis de 30.000 persoas pasaron polo Pazo da Cultura para gozar das distintas actividades.