A revolución e a lusofonía serán as temáticas principais no II Congreso Internacional de Mediación Lectora

Pontevedra
14 de febreiro 2019

Carmen Fouces, concelleira de Cultura, e Eulalia Agrelo, investigadora e docente da Facultade de Ciencias da Educación, presentaron este mércores a segunda edición deste Congreso, que se inscribe no XX aniversario do Salón do Libro

Presentación do II Congreso Internacional de Mediación Lectora
Presentación do II Congreso Internacional de Mediación Lectora / Olaya Madrigal

O II Congreso Internacional de Mediación Lectora xirará, este año, arredor do tema das revolucións, vistas dende diferentes prismas pero co fío condutor que supoñen as comunidades lusófonas. Marcan, revolución e lusofonía, o carácter destas xornadas, que pretenden facer homenaxe ao vixésimo aniversario do Salón do Libro.

Preténdese, a través do contacto con estes temas e segundo a información dispoñible no web do Salón, a creación de pequenas utopías, onde a convivencia, a amizade, a tolerancia, a busca da paz ou a denuncia de situacións inxustas, así como a crítica ao establecido, a resistencia ante a opresión, o compromiso na loita contra a desigualdade e o respeto á diversidade e multiculturalidade sexan factores habituais. Pretende, en definitiva, promover a reflexión e espírito crítico nas novas xeracións dende o comezo dos seus andares. 

Pon en relevancia, a diferenza doutros espazos pertencentes ao Salón do Libro, a figura do mediador, que engloba a docentes en cargo ou en formación, bibliotecarios, especialistas en docencia e estudosos e investigadores nun espazo común onde poder compartir ideoloxías e experiencias coa fin de enriquecer o seu método de ensino e poder transmitirllo aos seus respectivos alumnos.

O Congreso Internacional de Mediación Lectora aumentará a súa duración nun día na súa segunda edición. Estendéndose do mércores 27 ao sábado 30 de marzo, e cunha dispoñibilidade de 150 prazas, que se poderán reservar a partir do día 11 de marzo a través do correo electrónico do Salón do Libro.

Ademais da revolución e a literatura lusófona, as novas tecnoloxías serán outro tema recorrente que dará lugar a debate, dadas as novas canles e formatos de lectura que brindan, así como o deterioro da competencia lectora que supoñen, debido á fragmentación e á dudosa veracidade da información. Trataranse, asimesmo, novos métodos cos que enfrontarse ás tecnoloxías e como aunalas coa lectura clásica.

Segundo as palabras de Carmen Fouces, "este congreso pretende ser algo máis que unha sucesión de relatorios de persoas relevantes, senón que está estreitamente vencellado a cuestións prácticas, que se desgranarán a través do paso polas diferentes actividades".

O itinerario dará comezo o día 27 coa actuación de Marina Colasanti, importante figura da literatura iberoamericana e creadora dun amplo repertorio de obras dirixidas a diferentes idades. Haberá tamén, a través dunha conversa aberta entre o ilustrador galego Xosé Covas e o brasileiro Roger Melo, unha achega aos elementos que definiron as súas traxectorias como ilustradores a ambos lados do Atlántico.

A posteriori, realizaranse unha serie de mesas de diálogo, opinión ou confrontación nas que intervirán representantes das bibliotecas escolares de Galicia e dende Portugal haberá unha análise de como están a funcionar este tipo de centros bibliotecarios. Haberá unha mesa de ilustradores, entre os que se atopará, entre outros, o proxecto Kalandraka e outras iniciativas procedentes de Portugal que permitirán identificar cales son as últimas tendencias e proxectos editoriais deste país. Tampouco podía faltar unha mesa na que se contase coa aparición de autores como Rosa Aneiros e Ana Pessoa que, a través de diferentes xéneros e a súa propia produción, intentan revolucionar dende a súa literatura as conciencias dos futuros lectores.

Posteriormente, realizaranse unha serie de talleres, que pretenden complementar de xeito práctico todo o aprendido nos días previos. Abordaranse os xéneros clásicos, como son o teatro ou a poesía, a través da creación lectora. Engadiranse tamén métodos de creación a través das novas canles e formatos e, dende outros eidos, como poden ser a educación artística a través do muralismo para configurar novas propostas lectoras. 

Para rematar, o último día pechará o programa a actuación dun renomado autor africano, o angolano Zetho Gonçalves, en representación doutra das comunidades lusófonas, xunto cunha actuación musical que integrará as diferentes linguas.

Trátase dun programa moi amplo que agrupa a figuras de renome da literatura infantil e xuvenil baixo a temática da revolución e da lusofonía e dunha cita que, segundo Eulalia Agrelo, docente e investigadora da Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra, todos os docentes deben aproveitar, ao tratarse dunha oportunidade de traballar man a man cun grupo de persoas que dispón dunha extensa experiencia no sector. O Concello convida a todas aquelas persoas mediadoras (docentes, bibliotecarios e persoas relacionadas co ensino en xeral) a que se aproximen e inscriban no Congreso e participen en primeira persoa.