Volve o Galegote Rock. Catorce grupos e artistas que fan música en galego reuniranse de novo en Pontevedra, os días 5 e 6 de maio, para mostrar a ampla variedade de propostas que provocou unha auténtica revolución no panorama musical de Galicia.
"Mantemos ou obxectivo de dar a coñecer a escena musical galega", destacou o edil de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, que reivindicou a necesidade de achegar esta música en galego ás novas xeracións para que "máis xente se achegue a ela".
Esta undécima edición do Galegote Rock comezará o venres 5 de maio cunha sesión dobre: o concerto de Moucho (20:00 horas) no Soul Beer e o de The Rapants, acompañados de The Garlic Dust, na Sala Karma (22:00 horas).
A xornada central deste festival será o sábado 6 de maio, que incluirá trece actuacións en tres espazos diferentes, o Campiño de Santa María, a Avenida de Santa María e os xardíns do Doutor Marescot, fronte a Belas Artes, onde estará o escenario infantil.
A programación será a seguinte:
12:30 horas, Campiño de Santa María: Catuxa Salom
13:00 horas, Xardíns do Doutor Marescot: Pakolas
13:40 horas, Avenida de Santa María: Ukestra do Medio
17:00 horas, Xardíns do Doutor Marescot: Mamá Cabra
17:00 horas, Campiño de Santa María: Lucía Aldao
18:00 horas, Avenida de Santa María: A Banda Senlleira de Robacallos
19:00 horas, Campiño de Santa María: Anxo Araújo
19:30 horas, Xardíns do Doutor Marescot: Xeración Sónica
20:00 horas, Avenida de Santa María: Lamontagne & Pico Amperio
21:00 horas, Campiño de Santa María: Moura
22:00 horas, Avenida de Santa María: Fillas de Cassandra
Todos eles, segundo o coordinador do Galegote Rock, Marcos Rivas, forman parte do "avance" que experimentou a música galega nos últimos anos e mostran a "potencia" dun sector que está preparado "para estar en calquera festival".
Ademais, destacou o papel que a cidade de Pontevedra ten neste renacer musical porque "non hai moitas cidades que tiren da música galega como esta".