A residencia artística do FICBueu busca os catro 'inquilinos' para a súa segunda edición

Bueu
16 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Esta residencia artística, deseñada para desenvolver proxectos de guión de curtametraxes, contará novamente coa titorización por parte de recoñecidas profesionais do cinema cuxos nomes serán anunciados nos vindeiros meses a través das canles do festival

Participantes na primeira edición da Residencia FICBUEU
Participantes na primeira edición da Residencia FICBUEU / FICBUEU

Tras o éxito do pasado ano, o Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) repetirá a súa residencia artística. Será de novo na illa de Ons, entre os días 16 e 23 de outubro. 

A convocatoria para a participación nesta segunda edición da Residencia FICBueu xa está aberta, segundo anunciou este luns a organización do certame

Esta residencia artística, deseñada para desenvolver proxectos de guión de curtametraxes, contará novamente coa titorización por parte de recoñecidas profesionais do cinema cuxos nomes serán anunciados nos vindeuiros meses a través das canles do festival.

"Arrincar este proxecto con Isabel Peña foi un auténtico luxo e aínda que é complicado a nosa idea é manter o nivel dos profesionais participantes, ofrecendo unha oportunidade única para os residentes", subliñan os organizadores.

A metodoloxía do programa contempla diferentes tipos de encontros para o traballo nos guións (titorías individuais e colectivas), así como formacións específicas noutros aspectos a ter en conta á hora de fortalecer os proxectos audiovisuais.

Ademais, durante toda a semana haberá varias reunións de produción grazas ás que a organización poderá coñecer o avance e estado das proposta e escoller a premiada desta edición. 

O festival destaca que "aínda coa moi boa experiencia que vivimos na estrea da residencia, nesta segunda edición tentamos mellorar o programa grazas ás suxestións dos residentes de xeito que os horarios de traballo estarán máis optimizados".

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de maio. Será o equipo do FICBueu xunto coa persoa encargada da titorización quen seleccione os catro proxectos finalistas.