Este venres, día 15, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra e Afundación organizan un concerto que estará a cargo da Real Filharmonía de Galicia. O mesmo celebrarase no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra e dará comezo ás 20:30 h.
As persoas que non sexan socias da Sociedade Filarmónica de Pontevedra e desexen asistir ao concerto poden retirar as entradas a través de ataquilla.com, mentres que a Sociedade Filarmónica de Pontevedra facilitará as entradas aos seus socios.
Baixo a dirección do seu titular, Baldur Brönnimann, a agrupación sinfónica compostelá ofrecerá un programa formado integramente por obras latinoamericanas: Huapango, de José Pablo Moncayo; Cinco cancións ao estilo riopratense, de Vicente Ascone; Estancia (ballet completo), de Alberto Ginastera; Acuarela, de Adolfo Mejía; e Danzón nº 2, de Arturo Márquez. Nas obras de Vicente Ascone e de Aberto Ginastera actuará como solista o barítono uruguaio Darío Solari.
A Real Filharmonía de Galicia créase no ano 1996 en Santiago de Compostela, e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Baldur Brönnimann é, desde xaneiro de 2023, o seu director titular e artístico. Coa orquestra colaboran os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas de todo o mundo.
Xestionada polo Consorcio de Santiago, a RFG está financiada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. Realizou xiras e concertos en escenarios de Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal. A RFG sente un especial interese pola obra de autores noveis, en particular de compositores galegos. A súa discografía consta de máis de doce cedés, dedicados a Maurice Ravel, Manuel de Falla, Frederic Mompou, Antón García Abril, Franz Schubert ou José Arriola.