A que fai referencia o 'carallo 29'? Compróbao na páxina web do Arquivo Provincial

Pontevedra
18 de abril 2020

Os xefes de área do Servizo de Patrimonio Documental están a publicar artigos na web, accesibles para toda a cidadanía e que poñen de relevo anécdotas históricas que permiten coñecer un pouco máis a provincia de Pontevedra

Edificio do Arquivo do Patrimonio Cultural da Deputación
Edificio do Arquivo do Patrimonio Cultural da Deputación / Deputación Provincial

O Arquivo da Deputación de Pontevedra está a potenciar durante o estado de alarma a difusión da información contida nos seus fondos a través da páxina web. Os xefes de área do Servizo de Patrimonio Documental están a publicar artigos sobre documentos singulares de distinta orixe, que poñen de relevo anécdotas e situacións históricas que permiten coñecer un pouco máis a provincia de Pontevedra.

Segundo apunta a deputada responsable do Arquivo, María Ortega, é importante que a poboación teña fácil acceso ao seu Patrimonio, tanto persoal investigador como persoas de a pé. Para estes últimos, subliña, "é moi importante o traballo de divulgación do persoal do Arquivo que xa se fai habitualmente, pero de maneira máis singular neste período no que a cidadanía ten máis tempo para consultar dende as súas casas aínda que soamente sexa por ocio".

O último artigo subido na web (arquivos.depo.gal) fai referencia a ‘O carallo 29 e a importancia do foro en Galicia’. Nel explícase que o foro tivo un fondo calado na forma da transmisión da terra. Tratábase dun contrato, xeralmente de carácter agrario, de longa duración e de orixe medieval, polo cal unha persoa ou institución, fidalguía ou Igrexa, lle cedía a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben, habitualmente unha terra, a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas. A duración destes contratos agrarios adoitaba ser moi longa, establecida con fórmulas como "por vidas de 3 voces" (as vidas de tres foreiros) ou "de 3 reis e 29 anos". De aí o famoso ‘carallo 29’, dito que se foi transmitindo de xeración en xeración e, malia que os foros desapareceron, aínda se escoita con certa frecuencia nos nosos días.

En concreto, o Arquivo dispón da colección documental Barcia do Seixo, que achega un conxunto de foros que tiña o mosteiro de Santa María da Armenteira na parroquia de Santa Ana da Barcia do Seixo, no concello pontevedrés da Lama. A documentación está dixitalizada na súa totalidade e a disposición das persoas usuarias no portal ATOPO (atopo.depo.gal) e arquivos.depo.gal.

Por outra banda, na web do Arquivo tamén se teñen colgado nos últimos días informacións relativas á actividade conserveira na vila de Marín, con fondos familiares privados da familia Nores datados entre 1610 e 1980; un artigo sobre a Unión de Xornalistas de Pontevedra creada no 1982; ou datos sobre a Xunta Provincial de Electrificación, creada en 1954, que tiña como obxectivo levar a luz a entidades que carecían dela por aquel entón.

Nos vindeiros días o Arquivo seguirá colgando diferentes artigos relativos ás súas diferentes áreas dentro do Servizo Bibliográfico (Patrimonio Bibliográfico, Biblioteca, Hemeroteca, Cartoteca e Audiovisuais), que non se poden consultar presencialmente por mor das limitacións de mobilidade da emerxencia sanitaria, pero si online.