A proba de auga, de Anémona de Río, resultou gañadora do I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais na próxima primavera. O xurado, composto por Miguel Porto e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou a magnífica adecuación da obra ao rango de idade ao que vai dirixido, o público infantil.
O xurado destaca a orixinalidade do tema, que aborda contidos científicos cunha profunda vocación de afondar no coñecemento a través dunha historia tamén divertida e intrigante.
A proba de augaconecta con habilidade a estética do manga coa tradición do cómic europeo, salientando pola súa eficacia no uso narrativo da cor e destacando tamén pola creación dos personaxes, tanto desde o punto de vista gráfico como psicolóxico.
Anémona de Río naceu en Vigo en 1995 e é unha profesional da ilustración. A súa obra anterior, Tam, editado por Retranca, gañou o Premio Fin de Curso da Escola O Garaxe Hermético. A súa obra pode verse en Instagram: @anemonaderio
O xurado elixiu tamén como finalista a obra Os Gazafellos, de FON (Fonso Barreiro) unha banda deseñada divertida, cun debuxo traballado e dinámico, que usa a tradición con elementos actuais.