A Real Academia Galega presentou este xoves 22 de febreiro, no colexio de educación primaria Marcos da Portela, o proxecto web Primavera das Letras, dedicado a María Victoria Moreno, protagonista do Día das Letras Galegas 2018.
Primavera das Letras achega ao profesorado, aos pais e nais e ao alumnado ao universo vital e literario da homenaxeada.
As actividades non só tratan aspectos lingüísticos e literarios, senón que tamén competencias de coñecemento do medio natural e social, da historia ou da educación artística.
Este foi o primeiro acto dentro do ano de María Victoria Moreno. Os encargados de presentar o proxecto foron a directora do centro Alicia Martínez, o presidente da Real Academia Galega Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey.
Ademáis contouse coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno, e o seu viúvo, Pedro Ferriol.
Os alumnos fixeron unha homenaxe a María Victoria Moreno recitando e dramatizando diversos fragmentos da súa obra, nos que se inclúen 'Elexías de Luz' ou un anaco do pregón que leu na Feria do Libro de Pontevedra de 2003.
O presidente da RAG expresou o seu agrado co entusiasmo dos docentes: “Aí está o corazón do futuro. A docencia consiste en comunicar emocións, comunicar coñecementos, comunicar valores, ser quen de compartir cos rapaces e rapazas unha maneira nova de ver o mundo”.
Primavera das Letras é tamén un modo de visibilizar estas achegas docentes a través do concurso 'Contádenos o voso Días das Letras', que tivo a súa primeira edición no 2017.
Os materiais de Primavera das Letras iranse publicando dende este xoves 22 de febreiro ata as vésperas do 17 de maio, día no que a RAG volverá a Pontevedra para celebrar o acto central do Día das Letras Galegas no Teatro Principal.