A pontevedresa Marta Pazos dirixe a ópera da segunda compositora que estrea na historia do Gran Teatre del Liceu de Barcelona

Pontevedra
06 de abril 2022

A directora levará  ‘Alexina B..’ ao escenario do máis antigo e prestixioso teatro de Barcelona na primavera de 2023. Marta Pazos ultima outra estrea para o xoves 14 de abril  do presente ano coa produción do CDG titulada ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’ no Salón Teatro de Santiago de Compostela

Marta Pazos co equipo do CDG que estreará 'Ás oito da tarde, cando morren as nais'
Marta Pazos co equipo do CDG que estreará 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' /

A directora pontevedresa Marta Pazos continúa coa súa carreira de éxitos e anuncia que na primavera de 2023 estreará no Gran Teatre del Liceu de Barcelona a ópera 'Alexina B.', unha obra de Raquel García-Tomás, premio Nacional de Música 2020. A creadora galega será a encargada da dirección de escena converténdose na mestra de cerimonias da estrea da segunda ópera composta por unha muller nos 175 anos de historia deste antigo e prestixioso espazo teatral.

A primeira ocasión en que unha muller debutaba cunha montaxe operística se remonta a 1974, cando Matilde Salvador estreaba 'Vinatea'. Nesta ocasión, Marta Pazos aborda a dirección do universo sonoro de García-Tomás coa que xa colaborou en 'Je suis narcissiste' afrontando o binarismo de sexo e xénero e cuestionando o heteropatriarcado. Ademais, segundo avanza, tamén terá presenza na posta en escena a violencia das institucións médicas e relixiosas.

O libreto de 'Alexina B.' está asinado por Irène Gayraud, partindo das memorias de Adélaide Hérculine Barbin, coñecida como Alexina B., unha persoa intersexual á que atribuíron o sexo feminino cando naceu en 1838 en Francia. Alexina reivindicouse como home e pasa a converterse en Abel Barbin, pero termina coa súa vida ao ser incapaz de adaptarse.

Esta produción propia do Liceu estrearase o 18 de marzo de 2023 coa Orquestra Sinfónica do Gran Teatre do Liceu, dirixida por Josep Pons e cunha repartición con Lidia Vinyes-Curtis, Alicia Amo, Elena Copons, Xavier  Sabata e Mar Esteve.

ESTREA DE 'ÁS OITO DA TARDE, CANDO MORREN AS NAIS' DO CDG

Marta Pazos aborda durante este ano a estrea doutras montaxes. O máis inmediato será o xoves 14 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Neste escenario poderase ver a produción'Ás oito da tarde, cando morren as nais', do Centro Dramático Galego (CDG) cun elenco interpretativo formado por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado. A historia está baseada no texto de AveLina Pérez e Marta Pazos asume a dirección e a dramaturxia.

Pazos tamén presentará en xullo'Safo', un proxecto compartido coa actriz e música Christina Rosenvingeno marco da 68 edición Internacional Festival de Teatro Clásico de Mérida. A directora pontevedresa asume a dirección de escena, a escenografía e a dramaturxia deste espectáculo sobre o imaxinario da poeta de  Lesbos, unha figura lendaria da que non se conservan poemas completos. 

Durante a pasada fin de semana, a compañía Voadora, que dirixe Marta Pazos, visitaba Pontevedra coa representación no Pazo da Cultura do espectáculo 'Othello', baseado no texto orixinal de Shakespeare.