Marta Pazos suma unha nova xerra co rostro da mítica actriz María Casares. Despois de ser premiada pola dirección de 'Super 8' en 2010 e por 'Tokio 3' en 2013, onde tamén a compañía Voadora obtivo o premio á mellor escenografía; neste 2020, a directora, actriz e escenógrafa pontevedresa lograba o galardón á Mellor Escenografía dos XXIV Premios do Teatro Galego María Casares pola súa proposta escénica en 'Neorretranca e posmorriña', do Centro Dramático Galego (CDG).
Os XXIV Premios María Casares, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, desvelaron durante a noite deste luns 9 de novembro o nome dos profesionais das artes escénicas que resultaron premiados nesta edición que veu marcada pola irrupción da pandemia. A gala tradicional que estaba prevista para o 26 de marzo tivo que suspenderse debido á situación sanitaria derivada da aparición da covid-19.
Desta forma, os organizadores decidiron realizar unha sesión dos premios integramente virtual, emitida a través da canle en Youtube. O actor Xosé Barato realizou a presentación inicial tras a intervención de Xabier Deive, presidente da AAAG . Despois da entrega do premio á mellor maquillaxe a Martina Cambeiro de Talía Teatro, o segundo galardón foi o concedido a Marta Pazos, que non puido recollelo por estar en Madrid traballando nunha nova produción da compañía Voadora co Centro Dramático Nacional, que leva por título 'Siglo mío, bestia mía'.
A actriz Iria Azevedo recollía o premio e lía a través do móbil todos os recoñecementos aos equipos técnicos e artísticos que Marta Pazos realizaba para elaborar esta vulva de tres metros que se recollía no espectáculo do CDG.
O espectáculo que actualmente está a dirixir Marta Pazos en Madrid chega esta mesma semana, o mércores 11, ao Teatro Valle-Inclán despois de ser aprazado a súa estrea durante a primavera.
JOSITO PORTO, MELLOR ACTOR SECUNDARIO
O actor de Vilagarcía Josito Porto foi outro dos premiados da noite. O intérprete lograba o galardón a mellor actor secundario pola súa actuación en 'MedidaXMedida' de Producións Excéntricas. Trátase da quinto María Casares na súa carreira.
Josito Porto tivo un recordo cara aos "invisibles" da profesión e lembrou aos políticos que "a xente do oficio" está a pasalo moi mal. E criticou aos dirixentes políticos coa frase "cando os políticos deixen de facer o paiaso, nós deixaremos de facer o político".
O resto de premios foron a mans de Laura Iturralde, mellor iluminación por 'Fariña'; mellor vestiario para Carlos Pinilla por 'Despois das ondas' mellor música orixinal para Lucía Aldao por 'Liberto' mellor adaptación teatral para María Peinado.
O premio de Honra Marisa Soto para a actriz e docente de Narón, Flor Maceiras; o premio á mellor actriz secundaria foi a mans de Celia González; Machi Salgado obtivo o premio ao mellor actor protagonista por 'Idiota' Rocío González levou o de mellor actriz protagonista por 'Liberto; a mellor dirección recaeu ex aequo sobre María Peinado y José Prieto por 'O meu mundo non é deste reino' e por 'Bernarda' respectivamente; Teatro Avento fíxose co premio ao mellor espectáculo infantil e 'Bernarda' de Malasombra Teatro convertíase na triunfadora da noite co premio ao mellor espectáculo sumando catro xerras.