A historia real dun profesor que foi agredido por un alumno mentres era gravado por unha moza chega ao Teatro Principal da man da compañía Teatro do Atlántico baixo o título 'A charla inútil'. O texto do autor catalán David Desola obtivo o Premio Lope de Vega 2007 e segundo explicaba a actriz María Barcala "fala de temáticas de hoxe en día" porque a obra recolle tamén as consecuencias do atentado de Atocha ofrecendo unha visión de drama "ao cadrado", como o define o autor. Non obstante, a actriz protagonista afirmou que se trata dun texto no que "hai risas, diversión e tamén dor".
Xúlio Lago, o director da obra, e María Barcala presentaron a montaxe que, segundo avanzaron, probablemente se converta no penúltimo da veterana compañía galega, que leva xa trinta anos sobre os escenarios. Xúlio Lago indicou que o IVE cultural do 21% "é un atentado para o teatro" e por ese motivo afirmou que resulta moi complicado desenvolver un proxecto profesional destas características en Galicia. "O 75% dos profesionais do teatro están no paro", indicou o director de 'A charla inútil'.
A obra representarase este xoves ás 21.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra. As entradas a un prezo de 8 euros (5 euros para estudantes, parados e xubilados) pódense adquirir a través de servinova. No caso de que non se esgoten, estarán á venda unha hora antes da función no despacho do Teatro.