O CITA convertíase este xoves no escenario dun novo encontro literario coas persoas participantes na edición 2022 de'Con barqueira e remador', o XI Obradoiro Internacional de Tradución Poética, que se desenvolve entre o 24 e o 29 de outubro na Illa de San Simón no municipio de Redondela.
Carme Fouces, concelleira de Cultura, asistía como anfitrioa a este evento de intercambio cultural e de creatividade que coordina a escritora Yolanda Castaño.
Nesta ocasión participaron poetas como Mamta Sagar, en idioma canarés; Lorena Souto, en galego; Adam Borzic recitando poemas en checo; Miguel Rodríguez Monteavaro, en asturiano; Aurélia Lassaque, en lingua occitana; e Ida Börjel con traballos en sueco. Este recital multilingüe permite que o público escoite a cada poeta lendo no seu idioma orixinal os seus textos para, a continuación, ofrecer as versións en galego realizadas das obras.
Este venres, tamén está programado un recital poético na mesma liña, na sede da Deputación de Pontevedra situada na rúa de Eduardo Chao en Vigo a partir das 19.30 horas.
Alí tamén se realizará unha nova mostra das poéticas orixinais cunha explicación do traballo desenvolvido ao longo da semana na Illa de San Simón.