O ciclo Cinema e Estrelas, integrado nas Festas de Verán de Pontevedra, vai a converter a Praza da Pedreira nunha sala de proxeccións para gozar da sétima arte ao aire libre.
Cinco sesións ofrecerá esta actividade, programada polo Cineclube Pontevedra e promovida polo Concello, durante toda esta semana, entre o martes 11 e o sábado 15 de xullo.
"Cinema e Estrelas é un ciclo que repite, que xa é coñecido nas noites do verán pontevedrés, sendo unha mostra máis de que estas festas facémolas entre todos e todas", destacou o edil de Festas, Demetrio Gómez, que subliñou que será un programa "para todos os gustos".
Representando ao Cineclube Pontevedra, Ramón Poza e Olaia Márquez expuxeron polo miúdo un programa de altísimo interese, no que "tentamos ofrecer uns filmes cun público máis amplo do que habituamos programar o resto do ano".
Non por iso, garantiron, "renunciamos á calidade e á coherencia do que entendemos por cinema".
O ciclo, que é de entrada gratuíta, comezará este martes, ás 23:00 horas, por todo o alto, coa gañadora do último Óscar á mellor película, Todo á vez en todas partes.
Alcarràs (mércores 12), Decision to leave (xoves 13), O triángulo da tristeza (venres 14) e Johnny Guitar (sábado 15) completarán esta edición de Cinema e Estrelas.
Todas as cintas serán proxectadas en versión orixinal subtitulada ao castelán, destacando a proxección de Johnny Guitar en 35 milímetros, un feito cada vez máis complexo de ver.