Organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra, o próximo martes, día 9, terá lugar un concerto da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Celebrarase este no Teatro Principal, a partir das 20:30 horas. Con este concerto, a veterana Sociedade Filharmónica de Pontevedra clausura a súa tempada número 94.
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, baixo a dirección do seu titular Javier Viceiro-Filgueira, ofrecerá aos socios da Filharmónica un programa moi atractivo e variado. Abrirá o concerto a máis popular e íntima obra sinfónica de Richard Wagner, Idilio de Sigfrido; a continuación, interpretarase o Concerto para trompeta e orquestra, de Franz Joseph Haydn; e finalizará coa Primeira Sinfonía de Beethoven.
No concerto de Haydn actuará de solista o trompetista John Aigi Hurn. Nacido en Tokyo, dende 1992 é trompeta solista na Orquestra Sinfónica de Galicia e fundador do grupo de cámara Coruña Brass. Os seus inicios foron na The Hong-Kong Philharmonic Orchestra. En 1991 trasládase a Europa e empeza a traballar coa Orquestra Filharmónica de Hamburgo, levando a cabo unha grande actividade en Alemaña, actuando e colaborando con The Hannover Opera Orchestra, coa Bach Launenburg Orchestra e coa Orquestra Sinfónica de Hamburgo, entre outras.
Foi invitado a participar, xunto coa Seattle Opera, na realización do ciclo El anel do Nibelungo de Richard Wagner. En 2002 participou coa Orquestra Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña nunha xira polos Estados Unidos. Tamén a Philharmonic Orchestra de Malasia solicitou a súa colaboración como solista de trompeta nese mesmo ano.