20 actividades artísticas ao longo de 14 semanas. Así presentaba a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, a programación cultural de outono que se levará a cabo no Teatro Principal e no Pazo da Cultura.
Este venres, o actor Josep María Pou ofrecerá unha reflexión dramática na obra 'Viejo amigo Cicerón' no Pazo da Cultura. Ese mesmo escenario será ocupado por 'Growing young', un espectáculo vitalista de danza, o vindeiro venres 4 de outubro.
O auditorio do Pazo tamén acollerá o concerto da banda Revólver, dentro da xira 'Básico 4'. A banda de Carlos Goñi celebra os 25 anos do disco 'Básico I' o sábado 5 de outubro ás 21.00 horas.
O 7 de outubro inaugurase unha singular exposición dentro de 'Diálogos na pintura', a mostra que comparten os pintores Álex Vázquez-Palacios e a súa filla Amelia Palacios. O día 10 tamén comezará a exposición fotográfica 'Caiuco na fronteira de papel' de Xacobe Meléndrez Fassbender. Serán nas salas de exposicións do Pazo da Cultura.
O sábado 19 de outubro chega, dentro do ciclo das Matinés do Principal, o concerto da banda indie bilbaína McEnroe, que presentará temas do seu último traballo discográfico. Será ás 12.30 horas no Teatro Principal. Segundo explicaba Carmen Fouces, estes concertos buscan que as familias compartan estas actuacións, polo que os menores de 14 anos contan cun 50% de desconto.
O 20 de outubro, domingo, haberá unha nova cita teatral no Pazo da Cultura coa representación de 'El precio', un espectáculo dirixido por Silvia Munt cos coñecidos actores Gonzalo de Castro e Tristán Ulloa encabezando o reparto no que tamén están a actriz Elisabet Gelabert e o arxentino Eduardo Blanco.
Cinco días máis tarde, o 25 de outubro, represéntase 'Playoff' no Pazo, unha traxicomedia que se desenvolve no vestiario dun equipo de fútbol feminino. Ao día seguinte, a Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá un concerto con obras de Prokofiev e Shostakovich.
O 1 de novembro, ás 21.00 horas, o ciclo Voices conclúe coa actuación do artista irlandés Glen Hansard con toda a súa banda, un dos escasos concertos que ofrecerá na península.
A coñecida obra 'Perfectos desconocidos', que deu lugar a película de Álex de la Iglesia sobre a utilización do móbil, será representada o 15 de novembro no Pazo da Cultura.
Ao día seguinte chegará un dos eventos estrela desta programación, a ópera 'Aida', de Verdi, coa actuación da soprano mexicana Dolores Serrano e cunha montaxe que conta coa colaboración da Esdemga de Pontevedra e acompañada pola Orquestra Filharmónica de Pontevedra, que participará noutras funcións deste espectáculo durante a súa xira 2019-20.
'Muerte en el Nilo' chega o 22 de novembro ao escenario do Pazo. Trátase dun espectáculo baseado na obra de Agatha Christie. O 30 deste mes comezará Culturgal, coa mellor exposición das empresas relacionadas coa cultura galega.
O gaiteiro Carlos Núñez presentará a súa nova proposta na que mestura música clásica con ritmos celtas. O seu concerto será o 21 de decembro.
A esta programación hai que sumar todas as funcións do ciclo Ponteatro no Teatro Principal, ademáis das actividades que van desenvolver a Banda de Música de Pontevedra e a Banda de Música de Salcedo.
As entradas para os eventos poden adquirirse anticipadamente a través de Ataquilla ou na Casa da Luz. En caso de que non se esgoten as entradas, poden mercarse unha hora antes do inicio do espectáculo na billeteira.