A colaboración desenvolvida ao longo do curso académico entre o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes viuse materializada este venres 19 de xuño, coa inauguración dunha exposición escultórica concibida para persoas cegas ou con minusvalidez visual grave.
"Tactilicia. Mirando coas mans", é o nome da mostra que realizaron nove alumnos da materia de escultura do primeiro curso da Facultade de Belas Artes, dirixidos pola profesora Isabel Rueda. Ao longo do curso académico, técnicos do CRE da Once teñen proporcionado aos alumnos coñecementos sobre percepción háptica e sobre adaptación de materiais para persoas cegas ou con minusvalidez visual grave.
A mostra permanecerá aberta no CRE dende a súa inauguración o venres 19 de xuño ata o día 3 de xullo, de luns a venres, en horario de 18 a 19 horas, podendo realizarse visitas guiadas. As persoas non cegas deberán cubrir os ollos cun anteface para poder vivir con plenitude a experiencia.
Os estudantes da Facultade de Belas Artes que realizaron as obras escultóricas que compoñen a exposición son: David Durán, Dana Troiteiro, Pilar Picas, Miguel Tierra, Marta Quinteiro, Catarina Mosquera, Xosé Eirín, Iago Fontoira y Elizabeth Cereijo.