A obra de María Victoria Moreno saltará "a escena" en toda a provincia

Pontevedra
23 de abril 2018

Seis compañías galegas ofrecerán espectáculos teatrais baseados en textos da autora á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Este luns presentábase esta iniciativa no Arquivo Provincial da Deputación cunha pequena representación escénica

Presentación de 'A escena!' no Arquivo Provincial
Presentación de 'A escena!' no Arquivo Provincial /

María Victoria Moreno, a escritora homenaxeada con motivo do Día das Letras Galegas 2018, será a protagonista de seis espectáculos teatrais que se representarán en diferentes espazos da provincia dentro da iniciativa 'A escena!', que este luns presentábase no Arquivo Provincial da Deputación coa presenza do deputado de Cultura, Xosé Leal e representantes das compañías Matrioshka, Viravolta Títeres Seisdedos e Odaiko.

Nesta proposta cultural que se desenvolverá ao longo de todo o ano tamén participan Ubú Teatro-Editorial Galaxia; Limiar Teatro e Polo Correo do Vento.

As obras representaranse en concellos de menos de 50 mil habitantes e no Centro Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra. Lorena Conde, de Matrioshka Teatro, que foi alumna de María Victoria Moreno, quixo referirse á escritora como unha figura referencial e unha persoa que guiaba os estudantes na vida. Tres integrantes desta compañía ofreceron unha pequena escena de 'Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos' durante a presentación. A súa primeira actuación dentro deste ciclo será o 12 de maio no Centro Cultural Xaime Illa a partir das 21.00 horas.

O conto 'Can branco, can negro', de María Victoria Moreno, serviu de referente ao Romance de Cans do Cego dos Monifates, unha montaxe realizada por Viravolta Títeres Seisdedos.

Pola súa banda, Odaiko abrirá o seu ciclo de actuacións o 5 de maio no Salón García de Vilagarcía de Arousa o espectáculo 'Mar adiante', un musical con Inacio Vilariño, Begoña Lorenzo e Juan Collazo, que recolle o soño da autora, un barco escola no que rompe a relación de poder tradicional entre profesor e escolares. 

A estas obras súmanse 'Leonardo e os fontaneiros', 'Anagnórise' e 'Unha historia de amor'. As seis compañías realizarán dez funciones con entrada gratuíta ata completar as salas.