A Noite Galega das Persoas Investigadoras, a chamada G-Night, madrugou en Pontevedra cunha saída ás 10 da maña da igrexa de San Francisco para percorrer un roteiro literario.
A actividade estivo coordinada pola docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Ana Acuña.
As persoas participantes percorreron lugares da cidade que teñen algunha significación desde o punto de vista literario, ademais de poder familiarizarse con autores de diferentes períodos.
A escritora Fina Casalderrey foi a encargada de rematar o roteiro, salientando a relación da súa obra coa cidade.
Tamén a Misión Biolóxica de Galicia organizou na súa sede de Salcedo un xogo de escapada co obxectivo é reflexionar sobre a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo.
A Noite Europea das Persoas Investigadoras é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.