Mar & Meseta é un encontro multixeracional para aprender e gozar da música folk e tradicional que terá lugar esta fin de semana en Xustáns, Ponte Caldelas. O coñecemento, a creatividade e a comunidade son os piares que alimentan unha experiencia vital, que será unha oportunidade para irmandar asociacións (coorganizado por Castilla Fiddle e Galicia Fiddle) e crear vínculos de amizade e lembranzas para toda a vida. Crear un espazo para o intercambio cultural musical; a comida, as foliadas e o baile, establecendo unha vía interpersoal e intrapersonal, que constitúe as bases dun futuro de riqueza cultural e alta autoestima xeracional.
Combínanse actividades musicais de formación con outras de diversión e tempo libre. Está destinado a aquel alumnado que teña como mínimo un ano de coñecemento de instrumento. Estableceranse grupos por nivel: nivel elemental, medio e avanzado.
Nesta ocasión o curso completo, aberto a todas as idades, consistirá de dous días, incluíndo ademais unha cea concerto de profesores aberta ao público xeral o sábado.
Entre o profesorado co que contaremos están prestixiosos músicos tanto de Castela como de Galicia como son María San Miguel, Galen Fraser, Blanca Altable, Chuchi Cuadrado, Alfonso Franco, Begoña Riobo, Anxo Pintos, Marina Carpente ou Claudia Abril.
Todos as persoas interesadas en asistiren á cea concerto do sábado ou ao curso de dous días poden completar a súa inscrición na web de Galicia Fiddle.
A Asociación Cultural Galicia Fiddle, con sede en Vigo, leva máis dunha década promovendo o uso alternativo dos instrumentos de corda, así como a difusión e o fomento tanto do fiddle (violín folk) na música popular galega como do coñecemento doutras tradicións musicais no mundo.
Pola súa banda, Castilla Fiddle é unha asociación sen ánimo de lucro que pretende poñer en valor a identidade cultural de Castela como comunidade de persoas e a súa influencia no mundo a través da música e o baile tradicional, así como inserindo o violín popular como parte da mesma.