A mostra "Valle-Inclán visto por Siro" abre o 1 de xullo a segunda edición do Festival de Teatro Festivalle

O Salnés
30 de xuño 2023

A exposición, composta por 50 imaxes asinadas polo debuxante percorren a obra do escritor, poderá ser visitada ata o 16 de xullo en Vilanova de Arousa

Cartel da exposición 'Valle-Inclán visto por Siro'
Cartel da exposición 'Valle-Inclán visto por Siro'

Este sábado 1 de xullo, ábrense as portas da exposición 'Valle-Inclán visto por Siro', que poderá ser visitada ata o día 16 na igrexa vella da Pastoriza en Vilanova de Arousa.

Unha exposición de 50 imaxes nas que o debuxante repasa a obra do xenial escritor, e coa que se inicia a segunda edición do Festival de Teatro Festivalle que o vindeiro luns 10 comezará coas actividades programadas sendo a primeira o curso de verán no que o catedrático de Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago intervirá coa súa exposición "Valle-Inclán no seu Ateneo" e o doutor en Filoloxía Pablo Landín tratará os Espazos dramáticos en “Cara de Prata de Valle-Inclán”. Os interesados en asistir ao curso poden facelo de forma gratuíta, previa inscrición no teléfono 986 555 493.

Ás 20,30 horas comezará a primeira representación deste verán da man de Pedro Casablanc con Don Ramón María do Valle- Inclán visto por Ramón Gómez da Serna. Un monólogo co que o actor acaba de ser recoñecido co premio Godot ao mellor Intérprete masculino e para o que están á venda as últimas entradas en ataquilla.com.