A mostra do Museo 'Símbolos do conflito' revisa a produción fotográfica de Xulio Gil

Pontevedra
28 de xaneiro 2023

A exposición, que se inaugura o xoves 2 de febreiro, articúlase arredor de 11 series fotográficas que mostran os diferentes camiños que tomou o traballo do fotógrafo vigués nas últimas dúas décadas

'Gastro Cotán', fotografías de Xulio Gil
'Gastro Cotán', fotografías de Xulio Gil / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra abre a próxima semana a exposición ‘Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil’.

Inaugúrase o xoves 2 de febreiro ás 19:30 horas e poderá visitarse ata o 27 de marzo. A mostra afonda nos camiños creativos seguidos polo fotógrafo vigués desde o cambio de século, caracterizados pola organización en series, a introdución da cor e a indagación estética e conceptual. O comisario é o fotógrafo e profesor Xosé Lois Gutiérrez Failde.

Xulio Gil naceu en Ourense en 1954 e reside en Vigo. Matemático de profesión, desenvolveu desde mediados da década de 1970 unha intensa carreira como fotógrafo, participando activamente nas transformacións da fotografía galega contemporánea. A exposición ‘Símbolos do conflito’ achégase á produción artística de Xulio Gil no que vai de século, confrontando o seu corpo de traballo persoal e o seu impacto na definición do que entendemos como fotografía contemporánea.

Nestes últimos anos, a obra de Xulio Gil foi mudando ata conformar un universo creativo moi orixinal. Os primeiros anos do século XXI supuxeron para Gil un tempo de superación e refinado das súas liñas de traballo e investigación estética anteriores. Introduciu de maneira sistemática a fotografía en cor, organizou a produción a partir de series fotográficas e afondou en pescudas estéticas que van da reflexión desde o imaxinario vernáculo ao establecemento dunha narrativa máis centrada na conceptualización que na indagación formal.

As obras presentes na exposición organízanse en 11 series desenvolvidas do ano 2000 en diante: ‘Fénix’ (2000), ‘Retablos esenciais’ (2007-2015), ‘Trompos’ (2008), ‘Matrilineal’ (2009), ‘Capela dos arcos’ (2010), ‘Capela dos homes’ (2010), ‘Cepas vellas’ (2016), ‘Cúpulas’ (2017), ‘Moradas’ (2018), ‘Penumbra da sal’ (2019) e ‘Gastro centro/Gastrofuturo’ (2020-21). As diferentes series explorar diversas liñas estéticas e conceptuais. Nelas achégase desde puntos de vista pouco transitados ao retrato, a cultura material (castaña, pataca, pan, millo...), a gastronomía, o patrimonio, a natureza etcétera.

Estas series fotográficas condensan o traballo artístico de Xulio Gil máis recente.

Xunto a estes traballos, presentaranse tamén traballos editoriais e publicacións que foron realizadas ou que contaron coa participación do artista neste período.

A exposición estará acompañada da publicación dun catálogo, coordinado polo comisario Xosé Lois Gutiérrez Failde e con textos do propio comisario e de Xan Carballa, Domingo Docampo, Antón Abel Roríguez e Isabel Santos Davila.