Quince anos despois da súa última edición, Pontevedra recuperará a súa Bienal de Arte. Durará algo máis de tres meses, entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025 e farao cun "relato" que servirá como fío condutor, como se posicionan os artistas ante a guerra.
Así o anunciou este mércores a persoa que será o seu comisario xeral, o investigador e crítico de arte Antón Castro. Á fronte desta bienal, como coordinador, estará o pintor e xestor cultural Antón Sobral, como desvelou PontevedraViva hai uns días.
A XXXII Bienal de Arte de Pontevedra terá como título "Volver ser humanos… Ante a dor dos demais", centrando a súa temática nas "guerras localizadas" que se están rexistrando na actualidade, como os conflitos entre Rusia e Ucraína ou entre Israel e Palestina.
"Pretendemos crear un relato no que nos impliquemos co mundo que estamos vivindo en termos comprometidos e estéticos", sinalou Antón Castro, de forma que os artistas visualicen esta situación "tendo en conta a visión da catástrofe e a dor dos demais".
A bienal "responderá ao momento que se vive no circuíto artístico internacional e aos problemas que nos preocupan na actualidade", adiantou o seu comisario.
Os seus participantes reflexionarán, segundo Castro, sobre "acontecementos vitais que condicionan o noso discurso existencial" como as guerras, o cambio climático, a inmigración, a transición verde, os avances no ámbito dixital, a intelixencia artificial ou as crises.
Para iso, o comité organizador xa seleccionou a máis de medio centenar de artistas de Estados Unidos, Francia, Italia, Reino Unido, Rusia, Ucraína, Israel, Palestina ou España. Moitos deles chegarán a Pontevedra con obras creadas "ex profeso" para este certame.
Serán representativas do "linguaxe plural da arte", engadiu o comisario da bienal, ao haber obras de pintura, escultura, audiovisual, instalacións diversas, proxeccións ou, mesmo, intervencións sobre os monumentos, as pontes e o río que atravesa a cidade.
O feito de querer crear un relato sobre a guerra fai que as obras se estean elixindo "en función dos artistas que traballen nesa dirección", moitos dos cales visitarán Pontevedra durante os próximos meses para analizar os espazos e crear as súas pezas "pensando no tema".
Ademais, a bienal incluirá numerosas actividades paralelas, entre elas performances no espazo público, intervencións sorpresa sobre fachadas, conferencias e mesas redondas, un ciclo de cinema sobre a arte e a guerra ou concertos na Illa das Esculturas.
Os responsables desta bienal, que celebrará en 2025 a súa edición número 32, afirman que "queremos incorporar toda Pontevedra" a este acontecemento, polo que os espazos nos que se desenvolverá esta bienal, segundo Antón Castro, "serán os da propia cidade".
Así, o Museo de Pontevedra, o convento de Santa Clara, o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral, a Facultade de Belas Artes, as Ruínas de San Domingos, a Illa das Esculturas, o Café Moderno, espazos privados como a Fundación RACC ou o Espazo Nemonon, prazas do centro histórico ou tascas e bares acollerán toda a súa programación.
"Rescatar esta bienal perdida en 2010 é unha boa noticia porque era un referente cultural non verán español e europeo", sentenciou Castro, que lembrou que este evento era unha "cita obrigada" para a amantes da arte, chegando a superar os 100.000 visitantes.
Xunto a Antón Castro e Antón Sobral, forman parte do comité organizador da bienal Agar Ledo, responsable do departamento de investigación do Museo, que servirá de ligazón entre a bienal e a institución, e a directora do museo pontevedrés, Ángeles Tilve.
Recuperar esta bienal de arte, segundo Tilve, era un "anhelo compartido" pola cidadanía e por artistas de todas latitudes. Celebra que sexa unha "porta que se abre" para explorar o presente e conectar cos debates contemporáneos que se abordan hoxe na creación artística.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, mostrouse pola súa banda "completamente convencido" de que a próxima bienal de arte "será sin duda la mejor de la historia" e converterase "en el mayor evento cultural celebrado en Pontevedra".
Destacou que este certame sempre foi unha "plataforma fundamental" para a promoción da arte e agora "pretendemos retomar esa tradición, revitalizarla y llevarla a nuevos horizontes" para converter a Pontevedra "en el epicentro del arte contemporáneo".
"Será un espacio de reflexión y encuentro donde se discuta y se exploren temas a través del arte", sentenciou o vicepresidente provincial, que avanzou que se establecerán colaboracións con diversos museos e institucións para reforzar o contido da bienal.