A memoria das mulleres salta á banda deseñada con O Garaxe Hermético

Pontevedra
27 de abril 2018

A historia de Josefina Arruti protagonizará o primeiro volume da colección A memoria das mulleres, un programa municipal que dará o salto ao mundo da banda deseñada da man de O Garaxe Hermético, a escola que dirixe Kiko da Silva

Presentación de 'Os berros da motocicleta' no Salón do Libro
Presentación de 'Os berros da motocicleta' no Salón do Libro / Mónica Patxot

A historia de Josefina Arruti protagonizará o primeiro volume da colección A memoria das mulleres, un programa municipal que dará o salto ao mundo da banda deseñada da man de O Garaxe Hermético, a escola que dirixe Kiko da Silva.

Este primeiro volume, que foi presentado no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, leva por título Os berros da motocicleta. Conta co guión de Kiko da Silva, as ilustracións de Pablo Prado e o asesoramento de Montse Fajardo.

Esta iniciativa, coa que Patrimonio Histórico continúa o traballo feito nos últimos catro anos a través de publicacións e homenaxes, pretende mediante o formato cómic "achegar aos máis novos estas historias nunha linguaxe máis próxima a eles", sinalou o concelleiro Luis Bará. 

Dentro deste programa, o Concello plasma a memoria viva e oral desas mulleres represaliadas en tempos do fascismo por motivos políticos ou de parentesco. Non só mulleres destacadas no ámbito cultural, ou artístico, senón mulleres de pobo e do mar, implicadas nas loitas sociais, protagonistas da resistencia e a solidariedade en tempos moi adversos.

Na presentación, Da Silva destacou o traballo de investigación levado a cabo por Montse Fajardo para descubrir "historias descoñecidas da cidade na que vivimos". Avanzou que o volume publicarase no outono e contará con 48 páxinas

Será una historia, explicou, chea de frashbacks, "precisos para entender o que sucedeu en Galicia e España nese momento duro onde os sentimentos se esvaecían".

Sobre a autoría das ilustracións, da man de Pablo Prado -que agradeceu a oportunidade de estrearse con este proxecto-, Kiko da Silva salientou que é a primeira vez que escribe algo que non debuxa pero que "non foi escollido ao azar porque é un alumno cunha sensibilidade especial".

Ademais, o director da escola desvelou o significado do título, que apela a unha conduta habitual dos cívicos nos tempos da ditadura, "que prendían os motores das súas motocicletas para que non se escoitaran os berros da xente á que estaban a torturar".