A máquina xa empezou a conta atrás. Está aquí o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un evento cultural e literario referente para toda a península. A partir deste sábado 2 de marzo e durante tres semanas están previstas preto de cen actividades para todas as idades e públicos.
A edición 2013 é a décimo cuarta do evento e chega co lobo Orbil como mascota, o lema A Toda Máquina e a novidade de que o espazo no Pazo dáa Cultura abrirá as súas portas tamén os domingos pola tarde.
Este ano ao estar dedicado ás máquinas haberá un espazo Wii con consolas e videoxogos educativos e didácticos. As Tardes na Sala ofrecerán ademais das sesións de contacuentos e monicreques habituais unha selección de obradoiros en aberto para fomentar a participación dos nenos e dos seus acompañantes.
O Salón acollerá catro obras teatrais, exposicións, percorridos por Pontevedra e obradoiros para diferentes idades coa intención de que se fomente a lectura. Bota a andar ás 11.30 horas deste sábado 2 de marzo co espectáculo musical Desenchufad@s, conducido polo alumnado da Aula Folque Infantil.
Ás 12.30 horas Pavís Pavós ofrecerá un cuentacuentos e ás 17.30 horas está prevista a actividade de animación con cuentacuentos, xogos e cancións Burro- Máquina, de Fantoches Ba, orientada a nenos de entre 4 e 12 anos. Entre as 17.30 e as 20.30 horas a editorial Patas de Peixe ofrece o obradoiro O Trenciño Rebuldeiro, no que os asistentes construirán un tren a tamaño real co que poderán xogar xuntos, e Galileo Nenos organiza A cidade de Cenoiro, unha actividade orientada a que nenos de 4 a 12 anos xoguen con Galileo e con xoguetes educativos en galego.