O gris de Irlanda, a melancolía, un toque de ironía e certa dose de rebeldía e crítica social. A mestura de todos estes ingredientes, en ocasións aderezados de surrealismo, conforman como resultado final 'Tempa maltreita', o último poemario do escritor e columnista pontevedrés Alexander Vórtice, que este mércores se presentou na librería Paz de Pontevedra.
Vórtice estivo acompañado polos xornalistas Jesús Iglesias e Natalia Puga, colaborador e xornalista de PontevedraViva, que presentaron un libro de 26 poemas escrito durante a etapa do autor vivindo en Cork, en Irlanda.
Tal e como explicou Jesús Iglesias, a presenza de Irlanda é constante no poemario, marcado polo gris do ceo irlandés e a falta de luz da cidade na que residiu durante o seu ano de emigración. O propio Alexander Vórtice confirmou esa influencia tanto do ambiente vivido como da experiencia de vivir lonxe da súa Pontevedra natal, na que asegura que " atopeime moito comigo mesmo alí".
O poemario, quizais o máis melancólico e escuro da bibliografía de Vórtice, aborda aspectos variados como a temática do esquecemento, o paso do tempo, o adormecemento da sociedade actual, a soidade, a perda... Todo escrito, segundo el mesmo explicou durante a presentación, a modo de terapia.
"Escribo poesía para non estar triste", explicou, á vez que aclarou que o estado de ánimo co que escribiu 'Tempa maltreita' non foi tanto de tristeza como de melancolía e que se entregou aos versos porque desde sempre tivo "necesidade de escribir como quen toma un ansiolítico, para tranquilizarme".
A obra de Vórtice inclúe poesía, prosa e opinión, que publica en diversos blogues de España e Latinoamérica e en PontevedraViva. Respecto diso, Jesús Iglesias destacou que resulta imposible para el "renunciar á poesía aínda cando escribe opinión ou prosa" e, como exemplo, leu unha das súas columnas publicadas neste xornal.
"Creo que hai moito poetas e moi pouca poesía", sostivo Vórtice durante a presentación, na que o público que se achegou ata a librería Paz puido escoitar parte dos poemas do libro recitados polo seu autor e os dous presentadores.