A influencia de Picasso nos artistas do cómic español, a exposición no Café Moderno

Pontevedra
27 de setembro 2023

Ata o próximo 13 de xaneiro poderase visitar no Café Moderno a exposición Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo. Ofrece unha orixinal mirada á figura e obra do pintor malagueño a través de grandes nomes do cómic actual

Exposición "Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo" no Café Moderno
Exposición "Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo" no Café Moderno / Mónica Patxot

Ata o próximo 13 de xaneiro poderase visitar no Café Moderno a exposición Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo. Ofrece unha orixinal mirada á figura e obra do pintor malagueño a través de grandes nomes do cómic actual.

Esta mostra, que organiza Afundación coincidindo co cincuenta aniversario da morte de Picasso, rende homenaxe a un dos artistas crave da vangarda do século XX e icona da modernidade a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas.

Entre as pezas, moitas delas concibidas expresamente para esta exposición, conviven as clásicas historietas en papel con cómics en lenzo, obras en gran formato, cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais

O comisario da exposición, Asier Mensuro, explicou que o obxectivo desta mostra é propoñer unha reflexión coa que profundar no mito de Picasso e "entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo".

Con tal propósito, está representado o traballo de 40 recoñecidos autores e autoras galegas e españolas, en cuxas viñetas e creacións de moi diversos soportes percíbese a pegada do gran Picasso. Ademais, hai unha peza do artista arxentino Ricardo Siri 'Liniers'.

Paco Roca, Eneko, Ángel de la Calle, Javier Olivares, María Herreros, Tony Fernández Pons, Laura Pérez Vernetti, Idígoras y Pachi, ou os galegos David Rubín, Jacobo Serrano, Cynthia Alonso ou Óscar Raña, son algúns dos artistas que configuran este retrato sobre Picasso.

O percorrido expositivo mostra unha lectura do artista a través de distintos enfoques, comezando por "O mito de Picasso", que exhibe a súa carreira como artista, a súa encarnación como mito da xenialidade e vangarda, ou a súa figura como icona pop do noso tempo. 

En "Picasso e outros artistas" abórdase a relación de Picasso con outros pintores como Dalí, Mirou ou Duchamp; e "A guerra civil española e Guernica", trata o seu posicionamento a favor da República durante o conflito bélico, e en especial a súa obra máis soada, o Guernica. 

Ademais, "Grafismos e linguaxes" presenta os diversos estilos pictóricos que o artista crea ao longo de toda a súa carreira e, en "Iconas picassianos e herdanzas gráficas" aproxímase ao uso por parte de artistas actuais de diversas iconas procedentes dos lenzos de Picasso.

A innovación tecnolóxica está presente tamén na mostra cun módulo de computación neuronal aplicada ao mundo da arte.

Este sistema de intelixencia artificial analizou as diferentes etapas de Picasso para converter o seu estilo, trazados e gama cromática nun algoritmo que transforma, en tempo real, a imaxe dos visitantes nunha obra de arte dixital, adaptada á etapa elixida: rosa, cubista ou clasicista

O público pode acudir a ver a exposición Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo de luns a venres, en horario de 17:30 a 20:30 horas, e os sábados, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas.

ACTIVIDADES DIDÁCTICAS 

Afundación complementará a exposición cunha completa programación didáctica con actividades para todas as etapas escolares mediante as que profundarán no mito do malagueño para entender como se integra no imaxinario colectivo da nosa cultura actual. 

Alberto Blanco, responsable destas actividades, explicou que xa contan con máis de 800 escolares, de dezaseis centros educativos diferentes, anotados para asistir.