A imaxe de Dani Portas ocupa un lugar destacado na Escola de Música de Caldas

Umia
17 de xuño 2024

O Concello de Caldas de Reis celebrou este domingo unha emotiva homenaxe ao que fora director da Banda de Música durante dez anos

Homenaxe a Dani Portas
Homenaxe a Dani Portas

Unha imaxe de Daniel Portas sorrindo preside dende este domingo a sala de ensaios da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis.

O Concello da vila termal oficializou este domingo, cun acto coas emocións a flor de pel, a súa homenaxe ao músico ilustrando cunha fotografía a entrada da sala principal, á que tamén lle puxo o seu nome.

A xornada comezou coa familia Vázquez Valiño interpretando unha peza en memoria de Dani Portas e despois chegaron as palabras institucionais.

Ademais das loas do alcalde, especialmente sentidas foron as verbas do tenente de alcalde Manuel Fariña, quen era tamén amigo persoal de Portas e compartía con el a paixón pola música.

Alí, o nacionalista fixo lembranza de múltiples anécdotas e subliñou que ademais de viúva e dúas fillas, Portas tamén deixou atrás co seu falecemento "moitos fillos musicais" que o acompañaron durante as súas etapas na dirección das Bandas de Caldas de Reis e tamén de Barro. "Foron centos de rapaces e rapazas ás que el coidou", subliñou.

Fariña destacou non só a gran calidade humana de Portas, senón tamén profesional, xa que subliñou que non hai ninguén en Galiza relacionado coa música que non coñecese ao director "e falase ben del".

Posteriormente ás intervencións dos representantes municipais, déronse uns agasallos á familia e o compositor David Rivas entregou á súa muller o orixinal da marcha-procesión composta en lembranza do director da Banda de Música de Caldas.

Xa para rematar, no primeiro andar, descubriuse a placa co nome de Dani Portas no exterior da sala de ensaios e deuse un aplauso ante a fotografía de Portas que xa preside a porta de entrada do espazo máis usado pola Banda Municipal de Música de Caldas.

Daniel Portas faleceu en febreiro de 2024 logo de ter sufrido un infarto en decembro pasado tras dirixir un concerto da Orquestra Sinfónica Xoven de Pontevedra, estando á espera dun transplante. Graduado no Conservatorio Superior de Música de Vigo, dirixiu a Banda Xuvenil de Barro, onde alcanzou grandes éxitos, e a mediados de 2007, fíxose cargo da dirección da Banda de Música de Caldas, alcanzando o Segundo Premio o VII Certame de Bandas de Música da Deputación provincial de Pontevedra na Sección Terceira, e outros recoñecementos como unha Mención Especial na participación do CIBM ‘Ciudad de Valencia’, o segundo Premio no Certame comarcal de Valga, ou a Mención Especial no Certame Internacional de Bandas de Música de Aranda de Douro en Burgos.