A ilustradora pontevedresa Eli García opta con tres títulos aos Premios Follas Novas do Libro Galego

Pontevedra
03 de marzo 2024

Nesta primeira selección dos galardóns tamén están en varias categorías Editorial Kalandraka, o Concello de Pontevedra coa Festa dos Libros ou a escritora Fina Casalderrey

A ilustradora Elísabet García Aires, Eli García
A ilustradora Elísabet García Aires, Eli García / Mónica Patxot

Case un centenar de títulos conforman a primeira selección dos Premios Follas Novas do Libro Galego que convocan a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Esta primeira criba faise sobre libros que fosen publicados ata novembro do ano pasado e os gañadores coñeceranse no transcurso dunha gala prevista para o once de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Das trece categorías entre as que reparten estes galardóns faranse outras dúas seleccións ata quedar tres candidaturas por categoría. Entre autores e ilustradores que conforman por agora esta listaxe, está a ilustradora pontevedresa Eli García aparece con tres títulos diferentes: 'O grande aviario' como libro de cómic, 'Segredos soterrados' de Alba de Evan e Xabier Domínguez e ilustrado por Eli, e 'Daniel no peirao' de Paula Carballeira e ilustracións de Eli García que opta ao premio á Obra Infantil.

Ademais deste notable comezo cara aos galardóns que se entreguen este 2024, tamén se inclúe un dos nomes propios femininos na literatura galega como o de Fina Casalderrey, nomeada en Obra Narrativa con 'A muller xabaril' de Edición Xerais. De igual forma o propio Concello de Pontevedra, coa Festa dos Libros é un dos candidatos na categoría de Promoción da Lectura.

No sector editorial, a pontevedresa Kalandraka conta con opción ao Libro Mellor Editado por 'O elefante que perdeu ou seu ollo' de Boniface Ofogo e Marc Taeger; dous ao Libro Ilustrado con 'A visita' de Anna Font e Nuria Figueras e 'Tartaruga vs Lebre. Ou desquite' de David Pintor; e igualmente está incluída no Premio á Iniciativa Bibliográfica coa 'Colección Tambo de poesía' coordinada por Luís Rei Núñez e premio de Poesía con 'Imago' de Helena de Carlos.

Saíndo da capital e mirando á súa comarca e á comarca arousá, outros nomes que tamén optan, por agora, son os do marinense Nee Barros con 'Nom estamos quebrades', as autoras vilagarciás Susana Sánchez Arins con 'Cinco corujas' de Através Editora e Afra Torrado con 'Fago ou que podo', a sanxenxina Eva Mejuto con 'O día que choveron gatos' e 'O gran circo apalabras' e a editora do Grove Patasdepeixe con 'Monstr3s'.