'A Illa de Tambo na súa historia', un libro para facernos partícipes da súa cultura, lendas e tradicións

Poio
30 de setembro 2023

Con motivo da conmemoración do San Miguel, patrón de Tambo, o Concello de Poio celebrou a presentación da obra 'A Illa de Tambo na súa historia', de Claudio Quintillán e Lino J. Pazos. Trátase da obra definitiva e máis completa sobre esta illa, contada, ademais, por dúas das persoas que máis a coñecen  

Presentación do libro 'A Illa de Tambo na súa historia'
Presentación do libro 'A Illa de Tambo na súa historia' / Concello de Poio

Con motivo da conmemoración do San Miguel, patrón de Tambo, o Concello de Poio celebrou a presentación da obra 'A Illa de Tambo na súa historia', de Claudio Quintillán e Lino J. Pazos. Trátase da obra definitiva e máis completa sobre esta illa, contada, ademais, por dúas das persoas que máis a coñecen.

Ao acto acudiu a tenente de alcalde e concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, que celebrou a enorme pegada de Tambo na historia e confirmou o compromiso do Goberno local para "seguir preservando e poñendo en valor os seus tesouros" .

Tal e como subliñou Cochón, "é un libro ameno e á vez profundo; ten precisión científica e é, ao mesmo tempo, apaixoado; dános datas, nomes, documentos e fontes pero dun xeito que permite sentirnos partícipes da historia", e agradeceu aos autores por compartir o seu coñecemento e por traballar na posta en valor e conservación da illa.

Pola súa banda, Quintillán e Pazos indicaron que, para eles, este libro "é unha forma diferente de entrar ca súa lectura nese territorio, porque o que pretendemos é transportar o lector de forma física a aqueles lugares que figuran nos seus textos, tendo para elo un importante apoio fotográfico recente, como se se tratase dunha visita guiada".

A publicación conta as diferentes etapas da illa ao longo dos séculos, desde as primeiras alusións documentadas no século X ata a situación actual de cesión ao Concello por parte do Ministerio de Defensa e, entre medias, os diferentes asentamentos relixiosos e de poboación, o lazareto ou o uso militar. Asemade, aporta numerosa documentación de cada época, ademais de datos sobre a xeografía, a fauna, a orografía, as tradicións e lendas e un torrente de información detallada sobre todos os aspectos da illa.

Ao finalizar a presentación, os asistentes desfrutaron dun breve percorrido pola Illa coas indicacións dos propios autores.

A tenente de alcalde tamén aproveitou para confirmar que desde o goberno local van seguir ofrecendo "traballo e xestión para seguir convertendo á illa nun referente cultural e natural único no mundo, que o será tamén do turismo sustentable".

Neste sentido, nos próximos meses o Concello aproveitará a baixada na frecuencia das visitas coa chegada do outono para avanzar na solicitude da declaración da Illa como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), así como no Plan de Usos, e na catalogación de bens culturais, sempre en colaboración coa Xunta -que xa ofreceu a súa axuda- e o resto de administracións. 

Por último, recordan que as visitas regulares a Tambo continuarán realizándose durante as próximas semanas en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo polo peirao. A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de uns 2 km polos puntos de especial interese de Tambo.

Cada visitante precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete dunha das navieiras que realizan a viaxe desde o Porto de Combarro. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas conxuntas. As persoas interesadas poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva nesta ligazón.