O centro social de Saiar acollerá este venres ás 20.30 horas unha charla da arqueóloga Elena Cabrejas na que se falará sobre os primeiros resultados das investigacións e descubertas levadas a cabo no petróglifo da Laxe dos Bolos, no marco dos traballos de investigación impulsados polo Concello de Caldas de Reis e realizados polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A intervención foi dirixida pola arqueóloga Elena Cabrejas e conta coa colaboración da comunidade de montes veciñais en man común de Saiar, propietaria dos terreos.
A propia Cabrejas animou á participación da veciñanza na charla "pois vai haber moitas sorpresas sobre o que atopamos, malia estarmos nunha fase moi inicial das investigacións".
A arqueóloga adiantou que por un lado se vai explicar a importancia da arte rupestre para contextualizala e dar a coñecer os motivos polos que se fixeron estes gravados.
Ao mesmo tempo falarase dos resultados das primeiras investigacións e de como se desenvolveu o traballo de campo en curso sobre este ben patrimonial.
Cabrejas avanzou o enorme valor patrimonial e arqueolóxico do petróglifo da Laxe dos Bolos. "Estamos hipnotizadas e marabilladas pola súa riquísima iconografía, existen gravados innovadores e exclusivos en todo o noroeste peninsular nunca vistos noutras zonas de Galicia".
"Ademais, engadiu, é unha laxe de enormes dimensións que aparece gravada ata o último centímetro onde atopamos indicios de que estivo activa durante case 2.000 anos, incluíndo o neolítico final, o Bronce e a Idade do Ferro".
Cabrejas afirmou que "con tal complexidade levará moito tempo realizar unha análise completa e dos diferentes motivos atopados, pero o que xa podemos afirmar é que estamos ante un enclave estratéxico e moi importante, un monumento de primeira orde excepcional en todo o noroeste".