A historia de superación do boxeador Aarón González, a polos Mestre Mateo

Marín
14 de xaneiro 2022

O documental "Devolvendo o golpe"  inicia a súa carreira para chegar á gala final dos Premios da Academia Galega do Audiovisual. Os académicos teñen ata o 31 de xaneiro para elixir os 4 documentais que pasarán á final

Fotograma do documental "Devolvendo o golpe" sobre o boxeador Aarón González
Fotograma do documental "Devolvendo o golpe" sobre o boxeador Aarón González / Trece Amarillo

O tricampión de España de boxeo olímpico, Aarón González "The Thunder", inicia un novo e duro combate, pero esta vez non está só no cuadrilátero. Acompáñanlle a súa nai, Rosa María; o director e guionista, Carlos Prado Pampín, e o produtora Trece Amarelo. Este equipo, 100% de Marín, son os piares do documental "Devolvendo o golpe", que xa loita para ocupar un dos 4 postos na final dos Premios Mestre Mateo na categoría de mellor longametraxe documental.

O documental, escrito e dirixido polo xornalista e realizador audiovisual, Carlos Prado, preestreouse o pasado mes de xullo no cinema Seixo de Marín. No mes de setembro alzouse cos premios do público e do xurado no Festival de Cinema Primavera de Vigo, participou no Festival Internacional de Cinema de Ourense e, novamente, gañou o premio do xurado a mellor documental no Festival de Cinema Inclusivo de Vigo. Tras este intenso pase polos festivais galegos, agora fixa a súa mirada nos máximos galardóns do mundo audiovisual de Galicia, os Mestre Mateo. 

O director, Carlos Prado, asegura que "todo o equipo está moi ilusionado por participar nestes premios e imos con todas as ganas, pero sabemos que é difícil chegar á final porque hai moi bos traballos, nesta edición presentáronse moitas películas documentais de gran calidade. Participan 28 documentais e só 4 pasan á final, é moi complicado, pero a ilusión non nola quita ninguén". 

O documental " Devolvendo o golpe", conta a historia de superación do boxeador de Marín, Aarón González, que foi atropelado por un coche cando tiña dez anos mentres esperaba ao autobús escolar. Unha historia narrada desde a mirada da súa nai, Rosa María, "unha muller forte, valente e sen pelos na lingua que loitou, non só para salvarlle a vida ao seu fillo, tamén para axudarlle a loitar polos seus soños", comenta Carlos Prado Pampín.

"Devolvendo o golpe" é un traballo da produtora, Trece Amarillo, os mesmos autores dos videoclips do grupo galego Tanxugueiras. O trío, que podería representar a España na próxima edición de Eurovisión, comparte co documental " Devolvendo o golpe", a calidade de imaxe, o ritmo, a fotografía e a montaxe que caracteriza os traballos audiovisuais desta produtora de Marín.

Agora todo depende dos académicos e académicas da Academia Galega do Audiovisual, os únicos que poden votar e elixir aos 4 documentais finalistas desta XX edición dos Mestre Mateo.