Coincidindo co Día do Libro e a festividade das Letras Galegas, a galería About Art ofrecerá en Pontevedra a posibilidade de coñecer de primeira man documentos inéditos de Castelao e algúns dos exilados galegos máis destacados da nosa cultura, como Rafael Dieste, Emilio Pita, Eduardo Blanco Amor ou Arturo Cuadrado.
A mostra 'Castelao. Exposición gráfica, bibliográfica e documental' versa sobre a figura do galeguista e o seu entorno, principalmente nos anos do exilio en Buenos Aires.
Cartas, fotografías dedicadas e libros como Cincuenta hombres por dos pesos, de una edición limitada de 1940 ou As Cruces de Pedra na Galiza, editada por Nós en 1950, ambos en Buenos Aires, ademáis de varios discursos de Castelao en América, nos anos 40, son algúns dos exemplares que conforman a exposición.
A mostra recolle un importante legado epistolar entre o presidente da Casa de Galicia de Rosario (Argentina) e o fundador, xunto con Luis Seoane, da editorial EMECE, Arturo Cuadrado, que se cruzan unha serie de cartas nos anos 40 nas que tratan temas como a venda do libro 50 hombres por dos pesos de Castelao en Argentina, ou a celebración dunha homenaxe a este coincidindo co Día de Galicia.
Ademais, na exposición poderanse ver xoias documentais como unha carta do mesmo Castelao desde Buenos Aires, do ano 1944, con membrete orixinal do Consello de Galiza, onde fala da terrible situación na terra e a súa "fe no porvír da Nación Galega"; unha epístola escrita polo autor da Esmorga, Eduardo Blanco Amor, na que revela a súa opinión sobre algúns galeguistas e sobre o propio Castelao, e outras de Emilio Pita, destinadas ao presidente do Centro Galego de Rosario, en Argentina.
Libros como 'Escolma Posible', realizado por Marino Dónega no 1964, ou 'Trascendencia y Hondura de Castelao', de Marcial Fernández, publicado en México no ano 1951; edicións como a de 'NÿS. Boletín Mensual da Cultura Galega', publicado no ano 1923 na Imprenta de Poza Cobas en Pontevedra con motivo do Día de Galicia, con ilustracións de Castelao e colaboracións de Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, entre outros documentos, cartas e fotografías autografadas, engloban a exposición 'Castelao. Exposición gráfica, bibliográfica e documental' que se poderá disfrutar en Pontevedra, na galería About Art, ata o 31 de maio, en horario de martes a venres de 11 a 14 e de 17.30 a 20.30 horas, e sábados de 11 a 14 horas.