A Gala televisiva de Xacobeas, que será emitida na Televisión de Galicia e na canle de Divinity, abarrotou este venres a Praza de España, no marco das Festas do Carmen do concello de Marín. Un evento que tiña como obxectivo difundir e promocionar a Marca Galicia.
As portas do recinto abríronse ás 19.30, pero xa había xente esperando desde dúas horas antes. O aforo estaba limitado nun máximo de 8.000 persoas.
Desde o momento no que se accedeu ao recinto, no que había un punto de venda de bocadillos e bebida, DJ Lola estivo a animar ao público e montando un "fiestón" ata que ás 22.30 empezou a gravación das presentacións de todas a cantantes en falso directo por parte de xornalistas galegas Patricia Pardo e Lucía Rodríguez. Foi un momento un pouco tedioso que o público aguantou con paciencia, perdoando incluso os fallos de son.
E por fin, empezaron as actuacións con Ana Guerra, Ana Mena, Beatriz Luengo, Nia Correia, A Mala Rodríguez, Ainoa Buitrago, Eva B, Carolina Rubirosa e Yoly Saa.
Entre artista e artista, a xente cantaba e tocaba a pandeireta. Pasaban 5 minutos das tres da madrugada cando subían ao escenario as Tanxugueiras, "o broche de ouro, de prata e de platino", segundo Patricia Pardo que lles preguntou "¿qué queréis decir al público?" ao que elas responderon "diríalles que falen galego".