A fusión do violín de Massimo Spadano e o piano de Alexander Schmalcz, nova cita coa Sociedad Filarmónica

Pontevedra
04 de abril 2013

O vindeiro luns día 8, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Principal un novo concerto organizado pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra. Nesta ocasión estará a cargo do dúo formado polo violinista Massimo Spadano e o pianista Alexander Schmalcz. Ambos ofrecerán na súa actuación obras de Schumann, Beethoven, Fritz Skorzeny e Brahms

Alexander Schmalcz, famoso pianista que actuará en Pontevedra
Alexander Schmalcz, famoso pianista que actuará en Pontevedra / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

O vindeiro luns día 8, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Principal un novo concerto organizado pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra. Nesta ocasión estará a cargo do dúo formado polo violinista Massimo Spadano e o pianista Alexander Schmalcz. Ambos ofrecerán na súa actuación obras de Schumann, Beethoven, Fritz Skorzeny e Brahms.

Desde 1995, Massimo Spadano, nacido en Lanciano (Italia), é director musical e artístico da Orquesta de Cámara da Sinfónica de Galicia, actividade que compaxina co seu labor como concertino da Orquesta Sinfónica de Galicia desde 1993. Na súa faceta de director, estivo á fronte da Academy of Ancient Music, Orquesta Cidade de Granada, Orquesta Sinfónica de Vallés, Sinfónica de Bilbao e da propia Orquesta Sinfónica de Galicia, entre outras.

Como concertino e solista en distintas formacións, actuou nas máis importantes salas do mundo. O pasado mes de marzo realizou unha xira de concertos coa Orchestra Mozart, baixo a dirección de Claudio Abbado. Gravou discos para os selos Sony, Astrèe Auvidis, Harmonia Mundi e Naxos.

Pola súa banda, o pianista Alexander Schmalcz, formado musicalmente en Dresde e en Utrecht, realiza xiras por todo o mundo como acompañante de cantantes e actúa en festivais como Schubertiade Schwarzenberg, Festival de Salzburgo, Festival de Schwetzingen, Festival Tanglewood e Festival Primavera de Praga.

Colabora con coñecidos cantantes, tales como Grace Bumbry, Peter Schreier, Matthias Goerne, Edita Gruberova, Eva Mei, Doris Soffel, Christiane Oelze, Stephan Genz e Stephan Loges. Gravou para diversos selos discográficos e cadeas de radio europeas. Entre as súas últimas gravacións inclúense cancións de Schubert con Matthias Goerne para o selo Harmonia Mundi.