O artista Manolo Moldes terá na última planta do edificio rehabilitado da Xunta de Galicia en Benito Corbal un espazo no que se situará unha exposición permanente do pintor pontevedrés, falecido en decembro de 2017, e tamén albergará a sede da Fundación que levará o seu nome.
Este luns, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaban acompañados da viúva do pintor, May Díaz, e de familiares do artista, esta iniciativa que conleva obras para acondicionar a planta oitava, con preto de 500 metros cadrados e cun orzamento de 250.000 euros.
As obras de adaptación realizaranse co asesoramento da familia e, segundo avanzou Rueda, xa se está redactando o proxecto. Segundo as previsións do executivo galego á volta do verán sacarán este proxecto a licitación coa previsión de que se conclúa nun prazo de sete meses. Desta forma, o obxectivo é que en xullo de 2020, unha vez que a Fundación Manolo Moldes estea constituída legalmente, póidase inaugurar este espazo.
OFICINAS DE EMPREGO
O vicepresidente autonómico tamén sinalou que se está a planificar o traslado das oficinas de emprego dos edificios na rúa Eduardo Pondal para este edificio de Benito Corbal. Entre este mes de xullo e agosto realizaranse os diferentes trámites e, en setembro, levará a cabo o traslado físico destas oficinas do paro. Alfonso Rueda espera que o traslado definitivo conclúa en outubro.
LOCAIS PARA ASOCIACIÓNS
Esta semana, indicou o representante da Xunta de Galicia, farase público a través do DOG a adxudicación dos espazos no edificio de Benito Corbal para as diferentes asociaciónes e colectivos de Pontevedra. Rueda afirmou que se rexistrou unha gran demanda. 26 colectivos beneficiaranse destes novos locais e o resto quedarán en lista de espera. Poderán presentar recurso aquelas que queden fose desta adxudicación por resolución administrativa.
O vicepresidente da Xunta indicou que se utilizaron criterios obxectivos para conceder estes departamentos atendendo ás actividades sociais que realizan os demandantes.