O Armadiña Rock regresa e faino con novas datas de celebración na súa décimo quinta edición.
A fin de semana do 26, 27 e 28 de xullo, a Praza da Chousa en Combarro volverá encherse de público para seguir os concertos do rock máis contundente previsto para esas tres xornadas.
O evento foi suspendido en 2023. A Asociación Cultural Armadiña, colectivo responsable da cita musical, recoñecía entón que decidira suspender o festival ante a falta de apoios administrativos e institucionais, ademais da necesidade de descanso por parte dos integrantes do colectivo organizador.
Agora volven e cambian o mes de celebración, pasándoo de agosto ao mes de xullo. "Sabemos que coincidiremos con algún festi organizado por outras asociacións como a nosa, pero as cousas déronse así", explican desde a organización nas redes sociais, "miremos o positivo e enchamos Galiza de música este xullo".
O Armadiña Rock é un festival organizado por unha entidade sen ánimo de lucro, formada por persoas voluntarias, e con entrada libre para asistir a concertos dun cartel no que predominan as bandas locais. Esta proposta sempre provocou maiores dificultades na posta en marcha do evento pero como xa anunciaran en 2023 aos seus fans: "seguide confiando, porque volveremos".
Espérase que en próximas datas confirmen que artistas e grupos participarán neste retorno dun festival característico do verán en Poio.