A finais de 2023 agárdase o inicio da rehabilitación dos edificios históricos do Museo coa inclusión da conexión soterrada

Pontevedra
08 de maio 2023

O 19 de maio tratarase o proxecto nun pleno extraordinario provincial e, segundo a previsión de César Mosquera, vicepresidente da Deputación, as obras deberán estar finalizadas antes de 2026, prazo establecido polos fondos europeos PIREP, que achega tres millóns de euros dos oito en que se orzamenta a iniciativa

Edificios centrais do Museo de Pontevedra
Edificios centrais do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, anunciaba este luns que a institución provincial se atopa no paso "definitivo" para que se acometan as obras de rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra situados na contorna da Praza da Leña. 

Este proxecto contempla un investimento de oito millóns de euros, dos que tres millóns serán financiados polos fondos europeos do PIREP, subvención máxima á que se podía aspirar, coa obriga de que as obras se atopen finalizadas antes de 2026. Mosquera indicou que, ademais, chegou o informe da Xunta de Galicia favorable ámodificación do PEPRICA (Plan Especial de Portección e Reforma Interior e Conservación Artística) para acometer a comunicación soterrada de conexión entre os edificios. 

Por último, apuntou que se atopan "moi avanzadas" as negociacións con Patrimonio sobre a proposta que se vai a acometer para que se poida dar o seguinte paso, que chegará coa aprobación do proxecto oficialmente nun pleno extraordinario previsto para o 19 de maio, paralelamente no Concello aprobarase o día anterior a modificación do PEPRICA. O vicepresidente provincial indicaba que se acelera o proceso para cumprir cos prazos e que se execute a obra sen demora nas tramitacións. 

Mosquera tamén afirmou que a intención é respectar ao máximo os edificios históricos con espazos orixinais, salvo o paso soterrado actual, que "é unha auténtica atrocidade" que sería cambiado pola conexión soterrada converténdoa nunha "conexión digna, folgada, ampla" entre os edificios García Flórez e o Castro Monteagudo. Segundo explicou por arriba é imposible realizar esa conexión polas cotas da edificación e o actual paso só era utilizado polo persoal de seguridade.

A suxerencia realizada por Patrimonio é que se recupere a cor exterior orixinal, coa fachada encalada como outros edificios históricos da cidade. "Os edificios de pedra eran así", indicou Mosquera afirmando que "sería o único cambio que se faría por fóra".

No interior estableceranse forxados de madeira e van recuperarse espazos diáfanos fronte aos pechados establecidos a través de diferentes reformas ao longo da historia destes inmobles. "Houbo que resolver centos de cuestións técnicas", manifestou Mosquera ao comentar que se buscará mellorar a amplitude e luminosidade interior neste proxecto.

A ampliación que se realizará para a conexión se establece en 260 metros cadrados. Non se utilizará todo o espazo de soto que permitirá o PEPRICA. En todo caso, Mosquera explicou que no futuro poderase realizar a conexión co edificio Fernández López.

A Deputación actualmente ten consignados 15 millóns de euros para abordar tanto estas obras como a rehabilitación do recinto de Santa Clara. Mosquera indicou que estes cambios conxuntos significarán unha "revolución absoluta do Museo".

O vicepresidente avanzou que espera que a finais deste 2023 póidanse iniciar as obras para rehabilitar estes edificios centrais. 

PROXECTO DE REHABILITACIÓN DE SANTA CLARA

Mosquera tamén fixo referencia a Santa Clara apuntando que tamén se manteñen as negociacións co Arcebispado para conseguir que o segundo "vado" que está no edificio anexo desta institución, sen edificación conxunta, chegue a converterse na entrada para o recinto de Santa Clara. "As negociacións van por bo camiño", explicou o representante provincial. Recoñeceu que, en cambio, o inmoble do Arcebispado non se atopa á venda.

Por outra parte, o 24 de maio conclúe o prazo para que os cinco estudos de arquitectura que elaboran os seus proxectos de reforma de Santa Clara presenten as súas propostas. O día 29 deste mes vai reunirse o xurado para avaliar as alternativas e seleccionar as diferentes opcións. Os días 5, 6, e 7 de xuño o xurado manterá un novo encontro para elaborar unha proposta coa idea de que a mediados de xuño xa se coñeza o anteproxecto gañador e que se convirtirá en proxecto de reforma do recinto conventual

A intención sería que, a mediados de 2024, despois de todas as tramitacións, comecen esas obras que se executarían nun prazo máximo de tres anos, segundo os cálculos do vicepresidente.

A Deputación actualmente ten consignados 15 millóns de euros para abordar todas estas obras dos edificios museísticos. Mosquera indicou que estes cambios conxuntos significarán unha "revolución absoluta do Museo".

Pola súa parte, José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, lembrou que estes traballos coincide no tempo coa chegada do centenario desta institución de forma que en 2027, cando se conmemora o século de existencia, entren en funcionamento tanto estes edificios como o de Santa Clara co seu novo deseño.