A Filarmónica innova na súa programación cun concerto da Big Bang Band

Pontevedra
05 de marzo 2017

Tras a petición de varios socios, que reclamaban un concerto destas características, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra ofrecerá o vindeiro luns 6 de marzo, a partir das oito e media da tarde, a actuación da Big Bang Band. Será no Teatro Principal

Big Bang Band
Big Bang Band / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

Tras a petición de varios socios, que reclamaban un concerto destas características, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra ofrecerá o vindeiro luns 6 de marzo, a partir das oito e media da tarde, a actuación da Big Bang Band. Será no Teatro Principal.

A Big Bang Band creouse en Vigo no ano 2012 por iniciativa do saxofonista de jazz lituano Rolandas Butkevicius. O seu obxectivo era alcanzar a estrutura, aparencia e sonoridade auténtica das grandes 'big bands' norteamericanas da primeira metade do século XX, seguindo as tradicións marcadas por Glenn Miller, Benny Goodman, Duke Ellington e Count Basie. 

Comezou como unha pequena banda cuxa base do repertorio era o dixieland, pero a medida que foi crecendo, as súas interpretacións fóronse inclinando claramente cara ao swing, pero sen esquecer ritmos rock, bossa ou funk.

Cos seus swing lentos, como Mood Indigo ou Georgia on My Mind, a Big Band trasládanos aos elegantes salóns dos grandes hoteis que viamos nas películas de Fred Astaire, pero tamén con blues como Basin Street Blues, Blues Machine ou con temas dixie ou jazz, que recrean o ambiente dos clubs de jazz máis sórdidos.

A Big Bang Band está composta por cinco saxofóns, catro trompetas, catro trombóns, teclado, contrabaixo, batería, guitarra e voz.

No Teatro Principal soarán pezas de Artie Shaw, Teddy McRae, Duke Ellington, Irving Mills, Henry Mancini, Benny Goodman, Colo Porter, Stan Kenton, Louis Prima, Sonny Rollins, Henri Betti, Count Basie ou Gordon Goodwin, entre outros.