A orixinal nova Orbil Parade atópase no xardín da facultade de Belas Artes. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, visitaron este mércores 9 de marzo á mascota do Salón do Libro xunto ao alumnado de primeiro curso do Bacharelato de Artes do IES Frei Martín Sarmiento, o encargado de pintar a figura.
O deseño foi ideado por tres alumnas chamadas María, Nadia e Antía, pero na súa elaboración participou toda a clase. O obxectivo da obra, segundo as súas autoras, é a representación da figura da muller en todas as épocas e estilospara darlle visibilidade contra a marxinación que moitas delas sufriron durante a historia. Por ese motivo, as obras presentes son tanto modelos femininas de autores masculinos como unha homenaxe ás mulleres artistas. Deste xeito, no corpo de Orbil pódense atopar personaxes como Frida Kahlo, Maruja Mallo ou a Venus de Botticelli.
Entre o estudantado, as perspectivas de futuro declaradas son moi variadas. A súa maioría abárcase dentro do ámbito da arte en postos que van desde restauración ata tatuaxe, pasando por fotografía.
Tamén asistiu á exposición a ilustradora residente Julia Lago, quen colaborará con estas mentes creativas para facer un mural na cidade. Esta actividade forma parte dunha das novidades introducidas na programación do Salón este ano.
Lores recordou que o lobo Orbil é "un atractivo impresionante para os nenos" e agradeceu o esforzo do estudantado no labor de decoralo. Así mesmo, Fouces aproveitou para convidar ao conxunto de artistas ao acto de inauguración do Salón, que se celebrará o día 11 ás 18:30 horas no Pazo da Cultura, con entradas de balde en ataquilla.com.