Este venres comeza a sexta edición da Festa dos Libros. Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade, reunirá a máis de 100 autores e contará con 92 actividades, tales como presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas, obradoiros, recitais...
Durante tres días, os postos das librarías estarán abertos de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.30 horas (agás o domingo que pechará media hora antes) e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos postos.
O programa de actividades para este primeiro día dará comezo ás 11.30 horas co contacontos ilustrado 'Os cen destinos de Vitola. Pequena biografía de María Casares' que Polo Correo do Vento, xunto co músico Marcelo Dobode, levarán a cabo para a cativada sobre a figura da nosa actriz máis internacional.
De seguido, ás 12.30 horas, terá lugar o acto conmemorativo do 25 aniversario da editorial pontevedresa Kalandraka Editora, cun maratón de lectura e ilustración onde destacados ilustradores dalgúns dos contos máis coñecidos debuxarán en directo escenas e personaxes dos seus libros, que soarán nas voces de autores, representantes do eido cultural da cidade e lectores.
Xa pola tarde, ás 18.15 horas, os 'Asuntos de familia' será o tema da conversa entre a xornalista, escritora e guionista Laura Ferrero e Marcos Giralt Torrente (Premio Nacional de Narrativa en 2011, fillo do pintor Juan Giralt e neto de Gonzalo Torrente Ballester).
A continuación, ás 19.15 horas, será a quenda da sección dedicada ao recoñecemento da traxectoria destacada dun autor. Nesta ocasión a persoa homenaxeada será a pontevedresa Fina Casalderrey, candidata española ao Premio Hans Christian Andersen, o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo de libros para cativada e rapazada, tamén coñecido como o Nobel da Literatura Infantil e Xuvenil. A escritora Eva Mejuto repasará con ela a súa traxectoria.
'Do amor e outros demos' centrará o faladoiro (ás 20.15 h) entre Alejandro Gándara (Premio Nadal, Herralde e Anagrama), que tras cinco anos de silencio volve con Primer amor (Alfaguara), e Mercedes Corbillón, unha das libreiras máis reputadas de Galicia grazas ao seu traballo na libraría Cronopios, que debuta coa novela 'A beleza debe morrer' (Editorial Galaxia).
E como en toda festa, a música non pode faltar. A programación desta primeira xornada pechará ás 21.30 horas co trío Muzikanti Balishnik que encherá a Ferraría de músicas do leste de Europa.
Finalmente, nos postos das librarías estarán asinando exemplares dos seus libros Jorge Campos, Perfecto Souto, Rodrigo Rey Falero, María Brenn, Bibiana Candia e Xosé Cobas, Ramón D. Veiga, Estefanía Padullés, Marta Ojea Alonso, María Solar, Adrián Morgade, Héctor Pose, Bea Gregores, Irene Alonso Gasalla, Almudena Santamaría, Rita Ma de la Iglesia Martínez, Fina Casalderrey, Nuria Tamarit, Tamara Andrés, Isabel Porto Collazo e Cristina Vatra.