Ás 19.00 horas deste martes 5 de abril inaugurarase oficialmente a Feira do Libro Novo de Pontevedra, que se desenvolverá ata o domingo día 10 no Paseo Antonio Odriozola e este ano incluirá a participación de oito librerías, seis delas da cidade.
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, presentaron este luns a nova edición da feira, na que o Concello de Pontevedra aumenta a axuda económica que achegaba en anos anteriores para a celebración da actividade para permitir que puidese seguir celebrándose ante as dificultades coas que se atopaban as librerías para facer fronte aos gastos da mesma.
Pilar Rodríguez explicou que os libreiros "non podían rentabilizar a cantidade de diñeiro que hai que pagar por unha caseta e por estar durante toda a semana" na feira, de modo que o Concello aumentou a súa achega. A concelleira de Cultura explicou este incremento da aposta municipal por permitir aos libreiros estar na rúa nunha actividade que se afianza ano tras ano a pesar de que este sector profesional está a sufrir agora o maior impacto da crise económica. "Empezamos a notar unha caída das vendas hai dous ou tres anos", indicou a representante dos libreiros galegos.
Anxo Lorenzo destacou que a feira do libro ten unha dobre dimensión, de dinamización comercial e cultural. Nesta segunda vía, as actividades complementarias deste ano centraranse en presentacións de libros, actividades infantís e mesas redondas.
A feira pontevedresa inaugura o calendario de eventos de Galicia, que este ano chegará a 14 localidades. Inaugurarase ás 19.00 horas coa actuación do grupo de música tradicional Os Alegres e un pregón a cargo do escritor Alberto Fortes. Ao termo do mesmo, asinará exemplares da súa obra O dobrón de a oito, de Edicións Xerais de Galicia. Ás 19.00 horas tamén asinará exemplares Xabier Fortes na caseta da librería Paz.
As casetas, que xa estarán abertas desde primeira hora deste martes, serán das librerías pontevedresas Paz, Seijas, Cronopios, Nobel, D-Lectum e Clip e dous de fóra da cidade: Pedreira e Carbaón. Tamén terán caseta a Deputación Provincial, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola e a Secretaría Xeral de Cultura.