A exposición sobre o centenario das Irmandades da Fala chegará a Pontevedra en setembro

Pontevedra
25 de xuño 2016

O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro mes de setembro a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, unha mostra deseñada para conmemorar o centenario do nacemento das Irmandades da Fala

Inauguración da exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!" na Coruña
Inauguración da exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!" na Coruña / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro mes de setembro a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, unha mostra deseñada para conmemorar o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. Este movemento foi concibido coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos e espallouse rapidamente por Galicia, promovendo ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político.

Saúde e Terra, irmá(n)s!difundirá o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito da nosa historia. Poderase visitar do 1 ao 30 de setembro.

O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e ler discursos e artigos de persoeiros da época.

Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

A través destes dez espazos, o público poderá achegarse á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas como os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez ou Vicente Risco; e o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós.

Tamén se porá en valor o intento de conformar un teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades.

Saúde e Terra, irmá(n)s!dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home". Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. 

As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen na palestra dos mitins e algunhas colaboran en A Nosa Terra. Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos anos 30 a cifra foi en aumento ata chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares.

Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade ou o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.

O estandarte de Queixumes dos Pinos da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos Soidade, de María Corredoira, Valle Esmeralda (1912), de Francisco Lloréns e Nube da tarde, de Imeldo Corral; e a talla Galicia, Nai e Señora, de Uxío Souto (1926) tamén forman parte da exposición.

Saúde e Terra, irmá(n)s! é unha exposición para ver, pero tamén para oír. Permitirá escoitar o disco coa primeira gravación do himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo, os versos escritos por Ramón Cabanillas convertidos no himno Pregaria polo irmán Baldomir e interpretado en exclusiva para a exposición polo cuarteto Os Rebentos; ou a muiñeira para piano que Faustino Temes compuxo para a cabeceira galeguista Galicia. Diario de Vigo.