A exposición "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes" chega a Pontevedra

Pontevedra
13 de maio 2018

A mostra, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, exhibirase ata o 27 de maio no IES Torrente Ballester, centro onde a escritora impartiu docencia

Cartaz da exposición "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes"
Cartaz da exposición "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes" / David Pintor

A mostra "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes", o proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia lle rende tributo á autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, empeza a súa itinerancia. Tras a estadía na capital galega chega agora a Pontevedra, desde o 14 ao 27 de maio. Instalarase no IES Torrente Ballester, centro educativo onde a escritora homenaxeada impartiu docencia.

A mostra está coordinada por David Pintor. O humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés é o autor da imaxe central da mostra, que, no seu conxunto, se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno, concretamente con O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Os ilustradores Xan López Domínguez, Nuria Díaz, Lucía Cobo, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón realizaron dúas ilustracións alusivas á personaxe principal e ao escenario no que se desenvolven as historias. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. Así mesmo, cada un dos paneis complétase cun fragmento da obra correspondente.

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, pola súa banda, ofrece ata o martes 16 a actividade Pasaporte de lectura, para potenciar o fomento da lectura en galego. O día 18, ás 18:00 horas e previa inscrición na biblioteca, o público infantil de 8 a 12 anos poderá participar do obradoiro de improvisación musical Eu conto, ti cantas. O día 25, ás 18:00 horas, haberá unha sesión de narración oral, Ruta propia, para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Non é preciso inscribirse.

A biblioteca de Pontevedra acolle tamén a mostra bibliográfica "Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno" ata o 31 de maio.