A exposición do Santa Isabel, con preto de 20.000 visitas, afronta á súa último fin de semana en Portonovo

Sanxenxo
17 de setembro 2015

Máis de 600 persoas avalaron coa súa firma a petición dun recoñecemento institucional para as tres heroínas e o segundo oficial do vapor afundido

O trasatlántico Santa Isabel
O trasatlántico Santa Isabel

A exposición sobre o Santa Isabel, cuxa clausura estaba prevista para este venres, amplía durante dous días a súa estancia en Portonovo para facilitar que os traballadores da hostalería que durante este mes non puideron visitar a mostra poidan tamén coñecela. Así, durante as xornadas do sábado e do domingo permanecerá aberta en horario de 18 a 22 horas.

Ao redor de 20.000 persoas pasaron ao longo de todo o mes a visitar a mostra instalada na lonxa de Portonovo na que se poden ver oitenta e oito cadros e 186 fotografías do naufraxio do vapor no que faleceron máis de 200 persoas (realizadas por Luís Kasado), maquetas, obxectos do buque, documentos, óleos relacionados co afundimento, unha proxección continua e que se completou ademais con tres conferencias temáticas sobre o tema.

Celestino Vieitez, organizador da mostra, elixiu ademais Portonovo para iniciar unha recollida de firmas coa que pretende solicitar que se faga un monumento ás tres heroínas que, en 1921, axudaron a salvar numerosas vidas de náufragos no momento da traxedia. Trátase de Cipriana Oujo, Josefa Parada, e María Fernández Oujo.

Elas tripulaban unha das dúas embarcacións que rescataron sobreviventes do naufraxio remando case cinco millas ata chegar ao barco no medio dun forte temporal. Calcúlase que entre as diversas viaxes que fixeron puideron salvar entre 15 e 20 vidas.