O xoves 18 de febreiro ás 20:00 horas será a inauguración da exposición de "Arte e solidariedade" do "Proxecto Home". Poderá visitarse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o 6 de marzo e está organizada por "Proxecto Home" Galicia e comisariada en Pontevedra por Antón Sobral e Taller Aberto.
A mostra pretende, por unha banda, ensinar o respaldo que os artistas ofrecen aos proxectos que traballan para dar resposta a diversos problemas sociais como a drogodependencia, e doutra banda, recadar fondos que axuden a desenvolver o "Proxecto Home" Galicia.
Entre os artistas que mostran as súas obras atopamos a Amelia Palacios, Carmen Hermo, Detlef Kappeler, Fernando Lafuente, Francisco Leiro, Manolo Ruibal, Manuel Moldes, Miguel Pereira, Paula Cabaleiro, Pepe Cáccamo, entre outros.
Búscase potenciar a representatividade dos artistas nas diversas localidades onde a exposición estivo presente: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense e, agora, Pontevedra.
No ano 1990 en Santiago de Compostela iniciábase o "Proxecto Home Galicia", co fin de axudar á reinserción social de persoas tóxicodependientes. Despois de 25 anos esta organización está presente en todas e cada unha das provincias galegas, na Coruña e Pontevedra por partida dobre. Ese era o obxectivo principal, facilitar o acceso de rehabilitación a todo o que quixese servirse del.